EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Unha ruta con paradas nas Ermitas, O Bolo, O Castro e Xagoaza abre o programa “Recomenda Valdeorras”

A actividade de formación en recursos turísticos, organizada por AEVA, consiste en catro rutas dunha tarde que se realizan en tres días diferentes para ofrecer alternativas horarias ás persoas interesadas

 

 

Na tarde deste luns 17 de abril arranca a primeira das rutas de Recomenda Valdeorras, o proxecto co que AEVA ofrece aos seus asociados e á veciñanza en xeral formación en recursos turísticos de Valdeorras.

Coordinado por Soledad Figueroa e Luís Carrón, o proxecto comeza cunha ruta titulada “Fe e feudalismo”, na que visitarán o santuario das Ermidas, o castelo do Bolo, a Torre do Castro e máis o conxunto histórico de Xagoaza. Nesta última parada, os participantes descubrirán por exemplo, que o coñecido como mosteiro, nunca foi tal e que a igrexa que o acompaña é unha das máis antigas da comarca. O bus sairá ás 16:30 horas da praza do Concello do Barco.

A ruta formativa dura só unha tarde, pero celébrase en luns, martes e sábado (repetindo o mesmo traxecto) para adaptarse á dispoñibilidade horaria de empresas e profesionais. Deden AEVA avanzan que xa hai preto de trinta persoas anotadas e a inscrición manterase aberta ata completar prazas ata o día previo á súa celebración.

As seguintes citas de “Fe e feudalismo” son este martes 18 e sábado 22 de abril. A seguinte semana (24, 25 e 29 de abril) será o turno do enoturismo con “In vino veritas”, na que se visitarán adegas, covas e diferentes paisaxes vinícolas de Valdeorras. O legado romano será o protagonista de “O ouro de Roma”, a ruta dos días 8, 9 e 13 de maio. O programa rematará con “Hai outra Galiza”, unha inmersión na natureza da comarca centrada no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e no observatorio de Trevinca. Será os días 15, 16 e 27 de maio.

Artigos relacionados

Back to top button