OurenseÚltima hora

Unha viaxe ao pasado a través de miles de obxectos, na 6ª edición de Antiq Auria, en Expourense

 

Na tarde deste venres 7 de outubro abría as portas en Expourense a 6ª edición da Feira Internacional de Antigüidades, Antiq Auria, ofrecendo ao visitante unha viaxe dende o pasado afastado (con pinturas e pezas de arte sacra do século XVIII e XIX) ata o pasado máis recente da década dos 80 e 90 do século XX e mesmo xa de comezos do século XXI.

Un total de 38 expositores de España, Portugal, Francia, Bélxica e Suíza ofrecen miles de obxectos de todos os prezos, tamaños, gustos e épocas nunha cita organizada pola Asociación “Memoria Antiga” coa colaboración de Expourense e da Deputación Provincial de Ourense.

Esta feira esperta o interese de multitude de curiosos que se achegaron ata Expourense desde primeira hora, sendo continua a chegada de visitas ao longo desta primeira tarde. “Os que realmente son afeccionados ás antigüidades veñen hoxe porque cada obxecto é único e é o mellor momento para facerse coas mellores pezas”, explican os organizadores. O público está a responder á chamada dos anticuarios e xa desde primeira hora podía verse bastante ambiente na feira, chamando a atención a presenza de visitantes moi novos.

 

Autoridades na apertura da feira de angüidades.

 

Os que tamén se achegaron esta tarde foron algúns dos membros do Padroado de Expourense como o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o vicepresiente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente alcalde de Ourense, Armando Follea, ou a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa.

Todos os obxectos expostos pódense englobar nas categorías de antigüidades, coleccionismo ou vintage pero resulta complicado elixir o sector máis representado porque, facendo un percorrido polo recinto, pode concluírse en que hai absolutamente de todo. Entre as pezas máis curiosas pode atoparse a colección completa e encadernada de “O Paspallás”, unha colección de ollos de porcelana de 1920, ou unha réplica do extraterrestre E.T. Tamén participa unha galería de arte que ofrece cadros de Quessada ou Pulido.  A gran maioría dos obxectos son discos, libros, cerámica de Sargadelos, xoguetes (míticos como Playmobil, Barriguitas, Pin e Pon ou Airgamboys) ou xoias que se poden atopar a partir de poucos euros. Destaca ademais a cantidade de máquinas de escribir, teléfonos e cámaras de fotos.

Esta cita conta cun alto índice de fidelidade por parte dos expositores, xa que máis do 90% participou en todas as edicións celebradas ata o momento. No referente ás antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) poden atoparse como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, utensilios de prata, porcelanas, etc. Na sección de coleccionismo pódese atopar numismática, filatelia, obxectos militares e relixiosos, etc.

O horario de apertura será mañá sábado de 11 a 14:30 e de 16 a 21 h. e o domingo de 11 a 14:30 e de 16 a 20:30 h. A entrada ten un custo de 2 euros sendo gratuíta para menores de 12 anos.

 

 

Subasta el domingo

Durante esta sexta edición repetirase a “gran poxa” que terá lugar o domingo 9 pola mañá a partir das 12h. Cada expositor cederá un obxecto para poxar entre o público asistente e cada un deles terá un prezo de saída de 5 euros. “Trátase dunha boa oportunidade para facerse con pezas únicas a moi bo prezo”, explican os organizadores. Ademais, para premiar a fidelidade dos visitantes, sortearase entre todos eles unha antigüidades achegada polos organizadores.

Exposición Dinosaurios

Ademais de Antiq Auria, as instalacións de Expourense acollen esta fin de semana a exposición interactiva “Dinousauria Experience European Tour”, aberta de 11 a 14 e 17 a 20 horas. Prezo das entradas: 10 euros adulto e 6 euros nenos de 3 a 12 anos. Menores de 3 anos, gratuíto.

Artigos relacionados

Back to top button