CulturaCulturaÚltima hora

Unha xoia do século II-I antes de Cristo, atopada no Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón)

Esta mostra da ourivería castrexa considérase un "achádego excepcional", atopado ademais nun contexto industrial

Doas atopadas no Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón)./ Foto: Sonia García Rodríguez.

 

Son 23 doas, aínda que se cre que poderían aparecen máis, que formaban parte dun colar que alá polo século II ou I antes de Cristo alguén locía no Castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón). Hainas de bronce, de pasta vítrea, de oso e mesmo algunha contén ouro pulverizado. Unha fermosa e delicada xoia castrexa, con pezas de diferentes tipoloxía e materiais, que aparecía nos últimos días da escavación deste verán sobre un pavimento relacionado con lareiras, grellas e actividade metalúrxica.

Para os investigadores supón un descubrimento arqueolóxico “excepcional” por varios motivos. O primeiro deles a súa boa conservación, xunto co feito de aparecer nun contexto considerado claramente industrial e con datacións por Carbono 14 que o sitúan no século II-I a. d. C. “Este tipo de obxectos suntuarios en moitas culturas prohistóricas adoitan aparecer en contextos funerarios, nas tumbas, sen embargo no mundo castrexo este é un contexto do que non temos información. Os famosos torques de ouro, como os de Burela ou Elviña, apareceron todos fóra de contexto, mesmo fóra de castros, nun lameiro, nun prado… No noso caso as doas localízanse no sureste do interior da croa do castro e é claramente un contexto moi interesante porque alí xa atopamos unha cabana coa grella forno, a estrutura de combustión e na contorna un pavimento de area verdosa sobre o cal aparece o colar, e todo unha serie de parrillas, de lareiras que están nesa zona. Polo tanto, estamos nunha área de concentración de estruturas de combustión de carácter doméstico e despois pegado ao sur si que aparece outra área, pero xa centrada na actividade metalúrxica de ferro”, explica Xurxo Ayán, director da campaña arqueolóxica realizada en agosto neste xacemento do sur de Lugo.

Outro singularidade do colar é que podería ser unha produción local. “En Galicia este tipo de obxectos segue unha distribución moi clara nos castros da costa que nós temos escavado, como Neixón ou A Lanzada. Neles o que aparece, sobre todo a partir do século IV, son doas azuis, oculadas de orixe mediterránea, é dicir, son importacións cartaxinesas, algo que lles gustaba ás elites castrexas. En cambio, na zona sur de Lugo non aparecen este tipo de importacións, pero si temos a ourivería tradicional castrexa, como acontece con estas doas. Eles controlaban perfectamente a tecnoloxía do vidro. A pasta vítrea é sílice, co cal ou empregan un fundente tipo potasio, e supón unha auténtica virguería artesanal. Polo que o interesante destas doas é que quizais sexan unha produción local”, comenta Xurxo Ayán.

 

Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo.

 

Para este investigador este colar “combina o mellor da tecnoloxía castrexa, da arte e do estilo dos nosos devanceiros e tamén a súa vontade esteticista, de estilo, de atopar a beleza”. E, nese senso, cre que constitúe “o punto de chegada dun proceso de longa duración. O gusto dos galegos por este tipo de obxectos vén da Prehistoria, no Neolítico en mámoas galegas xa aparecen estas pedras semipreciosas, formando colares, que son pedras que proceden do Cantábrico, así como en enterramentos invididuais na Idade do Bronce. Isto estanos a falar tamén da simboloxía e da ritualidade castrexa. Podíamos pensar que a parte da función estética tiñan unha función ritual”.

Descóñese se esta xoia era portada por un home ou unha muller. “No mundo castrexo toda a información se transmitía polo corpo e pola cultura material, entón podía ser tanto dun home como dunha muller, o que si é certo é que nesta fase final dos castros hai un certo proceso esteticista, de maior coidado do corpo que tamén estaba no uso deste tipo de obxectos”, sinala Xurxo Ayán.

O equipo de investigadores están pendentes das datacións dos materiais recollidos na zona do achádego de colar e tamén das analíticas do mesmo, xa que consideran que pode aportar valiosa información. “As doas estanse limpando, van ir a laboratorio e a restauración e contamos con dúas expertas restauradoras que xa traballaron con este tipo de doas que son Yolanda Porto e Carolina Pérez”, adianta o director da escavación. Polo tanto, esta é só a primeira mostra da valiosa e nova información que este pequeno e delicado obxecto pode aportar sobre a cultura e a vida cotiá dos antigos habitantes dos castros do interior galego.

 

Foto: Sonia García Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button