En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unhas 200 persoas homenaxean a Aurelio Blanco Trincado

Este acto desenvolvíase no decurso dunha cea na noite do 2 de setembro no Paladium, en Vilamartín

Cun percorrido visual pola traxectoria vital e profesional do barquense Aurelio Blanco Trincado comezaba a homenaxe que se lle tributaba na noite do 2 de setembro no Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín e á que asistían unhas 200 persoas. A través de diversas imaxes lembrábase a súa implicación en diversos proxectos culturais, sociais e benéficos e tamén a súa etapa como concelleiro no Barco. A xornalista Raquel Cruz exercía de presentadora.

Trincado estaba arroupado por amigos e veciños, ademais de pola súa familia: a súa dona Mari Carmen, as súas fillas e netas. Tamén acudían a este acto o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o senador Avelino García, o deputado autonómico Moisés Blanco e os alcaldes do Barco, Alfredo García, e de Vilamartín, Enrique Barreiro.

Antes de servirse a cea, tiña tamén lugar un discurso do historiador Antonio Castro Voces, quen calificaba de “merecedísimo” este recoñecemento e centrábase no labor de Blanco Trincado á fronte do Instituto de Estudos Valdeorreses, entidade que preside aínda na actualidade. Ademais, aproveitando a presenza de diversas autoridades lanzáballe ao homenaxeado o reto de reunirse noutro momento con elas para tratar de crear un museo en Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button