ConcellosO BarcoÚltima hora

Unhas 3.000 racións servidas na I edición das Xornadas de Botelo e Cocido Valdeorrés

A idea do Concello do Barco para o vindeiro ano é recuperar a Festa do Botelo no pavillón e continuar coas xornadas nos restaurantes

Servindo botelo nun restaurante./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

De forma moi positiva valoran dende o Concello do Barco a acollida das I Xornadas de Botelo e Cocido Valdeorrés celebradas durante as catro fins de semana do mes de febreiro, con entre 150 e 200 racións servidas por cada un dos 17 restaurantes. “Todos os establecementos estiveron servindo botelo e cocido durante ese tempo, superando as nosas propias previsións”, asegura o concelleiro de Turismo, Eladio Santos, engadindo que incluso os carniceiros e produtores tiveron moitos pedidos.

En total foron unhas 3.000 as racións que se serviron superando as 1.600 que se servirían no mellor ano da Festa do Botelo no pavillón. “Por segundo ano non se pudo celebrar a festa tal cual pero dende as concellerías de Cultura e Turismo apostaron forte por trasladar o botelo aos restaurantes, contando con todos os do Barco e tres de fóra, e as cifras demostran que foi un acerto e unha iniciativa moi positiva tanto para os restaurantes como para os bares e para os produtores”, asegura o alcalde do Barco, Alfredo García, recoñecendo que houbo un local que servíu 300 menús.

Dende o Concello recoñecen que estas xornadas non son incompatibles coa tradicional Festa do Botelo e o propio alcalde adianta que para o ano que vén “se non pasa nada”, a intención é que haxa festa no pavillón coma todos os anos e despois catro fins de semana de xornadas “no Barco e no resto da comarca, porque o inverno de Valdeorras ben merece que haxa esta oferta nos meses de xaneiro e febreiro”.

 

A concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, o alcalde do Barco Alfredo García e o concelleiro de Turismo Eladio Santos./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, recoñece que foi moito o traballo para levar a cabo estas xornadas creando sinerxias entre ámbalas dúas concellerías que deron o seu froito. “É moi importante o aspecto lúdico e cultural da Festa do Botelo e aínda que a celebración non foi posible o resultado das xornadas foi mellor do esperado”, dixo Pizcueta, agradencendo o labor dos seus compañeiros do Concello así como da técnica da Oficina de Turismo  “que souberon coordinar o traballo onde eu non puden por motivos familiares”.

A concelleira asegurou que o pavillón non ten máis capacidade co cal os restarurantes son os que teñen a capacidade para que a cita gastronómica siga crecendo e así o demostraron. “Agora”, dixo Pizcueta “o salto que nos queda é conseguir o certificado de Festa de Interese Turístico Nacional”, algo no que xa levan un tempo traballando. “Unha das condicións é ter referencias e publicacións en medios de comunicación nancionais e para iso pensamos que a mellor forma é levar o botelo a Madrid, algo que xa tiñamos previsto en 2020 cando chegou a pandemia, polo que retomarémolo de cara ao futuro”, asegura o alcalde, recoñecendo que xa deron un paso importante coa fam trip celebrada a comezos de febreiro que contou con profesionais de publicacións de referencia como ‘Restauradores’ ou ‘Mi Vino’.

 

Artigos relacionados

Back to top button