EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Unións Agrarias plantexa melloras na loita contra a fraude nas DD.OO. de viño galegas

Xosé Ramón González, responsable de Agricultura do sindicato, cualificaba de "continuísta" esta campaña

Case no remate da vendima, dende Unións Agrarias facíase un balance desta colleita nas denominacións de orixe galegas. O seu responsable de Agricultura, Xosé Ramón González, visitaba Valdeorras na mañá  deste venres 11 de outubro e daba unha rolda de prensa sinalando que esta foi “unha campaña de continuidade”. Nesta comparecencia estaba acompañado por Evaristo García, vogal de UUAA no Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Ademais González pedíalle á Xunta que se melloren as medidas contra a fraude. “Vemos cada vez máis flancos abertos que debemos pechar porque nós estamos certificando un produto dunha zona determinada, cunhas características determinadas. Aquí non ten sentido unha viticutura se non é dentro da protección dun consello regulador. O consello regulador ten que estar protexido e a esa protección temos que darlle un aceledor importante, sen embarbo, seguimos coas mesmas medidas de loita contra a fraude dende hai moitos anos”, aseguraba.

Nese senso, este sindicato agrario propón “cambiar nos pregos das diferentes denominacións os redementos por hectárea. Agora existe unha cantidade fixa que é o rendemento máximo por hectárea, cunha posibilidade de aumentalo ou diminuílo de forma liñal. Pero cando se profundiza un pouco na viticultura vese que non é o mesmo unha variedade de uva que outra, un sistema de produción que outro, ou unha zona xeográfica dentro da D.O. que outra. Polo tanto, temos que entrar aos pregos dos consellos para pasar a uns rendementos que varíen segundo as condicións do ano, segundo o sistema de produción e segundo a base territorial que teña a D.O. nas distintas subzonas”, comentaba González.

En segundo lugar, Unións Agrarias considera necesario coñecer os “datos macro” da declaración de colleita de cada ano, “é dicir, a declaración da colleita que fagan os viticultores á fin de campaña ten que coincidir coa declaración de compra que fagan as adegas e coas contraetiquetas que pidan aos consellos reguladores. Para saber iso entendemos que os vogais deben ter acceso a toda a información porque despois os vogais aproban unha colleita con datos aos que ata agora non tiñan acceso. E iso imos empezar a facelo xa en varias denominacións”, asegura Xosé Ramón González. Este sindicato tamén pide que o censo de parcelas que manexen os consellos reguladores sexa o mesmo que ten a Consellería do Medio Rural “porque esa base de datos si está actualizada”.

Este sindicato cualifica de “fundamental” a colaboración co departamento de Fraudes dentro da Consellería do Medio Rural e lembra que “en España está en vigor a lei de cadea alimentaria, que obriga ás adegas a ter un contrato asinado cos viticultores, onde se indiquen os quilos e o prezo. A día de hoxe, na maior parte dos sitios non hai contratos e os que hai son contratos sen ningún poder de negociación”, di Xosé Ramón González.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button