
Por algo máis de case 115.000 euros veñen de licitarse as obras de pavimentación da praza das Airas, en pleno casco vello do Barco de Valdeorras. A actuación, cun prazo de execución de 3 meses, consiste na canalización e soterramento dos servizos aéreos na praza das Airas e nas rúas das Airas e do Forno, coa pavimentación da praza e das rúas colindantes mediante adoquinado de granito.
Para isto será preciso demoler e retirar case 200 m2 de pavimento de formigón existente na zona, colocar unha nova rede de alumeado e das redes de comunicación, así como os tendidos aéreos na zona, para reducir o impacto visual destas infraestruturas.
A zona da praza das Aira, e as rúas próximas presentan “un aspecto moi deteriorado, debido ás distintas reposicións do mesmo material noutras actuacións puntuais anteriores e ao longo das fachadas seguen a decorrer de xeito aéreo o cableado dos servizos de alumeado, enerxía e comunicacións”, tal e como informa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Así, con esta intervención completarase a urbanización que se recolle no Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) do Casco Antigo do núcleo do Barco de Valdeorras, que recolle actuacións (xa executadas) na Rúa real e San Roque, así como na Rúa San Mauro.
A obra que vén de licitarse no Concello do Barco de Valdeorras enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe.