ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Uns 140.000 euros para mellorar a accesibilidade e a seguridade na contorna da estación de tren de Sobradelo

A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras vén de asinar un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para acometer obras en varias rúas da vila

“Esta é unha obra feita con moita sensilibilidade e que persegue a humanización dos espazos e a colaboración entre administracións, neste caso entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Carballeda de Valdeorras”. Desta maneira se refería a titular do citado departamento autonómico, Ángeles Vázquez, á intervención que en breve se vai acometar en varias rúas de Sobradelo co fin de mellorar a súa accesibilidade, pensando especialmente nos peóns, e tamén a súa seguridade.

A conselleira dicía estas palabras na mañá do 17 de abril no Concello de Carballeda, tras a sinatura dun convenio de colaboración entre esta administración local e a Xunta para levar adiante este proxecto, que suporá un investimento duns 140.000 euros, o 70% dos cales serán aportados pola Xunta e o resto pola entidade municipal, que preside María Carmen González. Esta cantidade está orzamentada en dúas anualidades. A intención da consellería é iniciar os traballos, cun prazo de execución duns 6 meses, o antes posible.

A actuación é a primeira colaboración dentro do Plan hUrbe que se leva a cabo co Concello de Carballeda de Valdeorras e pretende mellorar o estado actual nas rúas Travesía Estrada de Entoma e Francisco Neira en Sobradelo, concretamente na contorna da estación de ferrocarril. Así, os traballos consistirán na mellora da accesibilidade desde o estribo dereito da ponte do ferrocarril ata o edificio da estación, na que teñen parada os trens que van a León e Madrid, e da zona da farmacia e rampa curva, dando acceso á rúa en pendente e dotándoa dun paso de peóns; e na dotación dunha nova beirarrúa máis ampla, incluíndo unha entrada á praza colindante co edificio de Renfe e tres pasos de peóns. Tamén se acondicionará a travesía Francisco Neira cun novo pavimento, instalación dunha varanda, e colocación de xardiñeiras e bancos-cadeira.

“Esta zona na que se vai intervir foi no seu día foi o pulmón de Sobradelo, a capitalidade de Carballeda de Valdeorras. Tivo moitísima vida e desenvolvemento, por aí é por onde viñan os camións da lousa que exportábamos a través de Renfe, foi onde empezou o impulso da lousa nesa zona. Pero despois, co tempo, o pontón que soporta a vía de ferrocarril foise tapando, e foise deixando máis espazo para os vehículos que para a xente. Nós queriamos facer algo que significaba humanizar a vida de Carballeda, para que ademais dos vehículos puidese tamén pasar por aí a xente dunha forma máis cómoda porque esta zona lévanos a un espazo de ocio como é o das piscinas”, explicaba a alcaldesa, María Carmen González.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button