ConcellosEn portadaÚltima hora

Uns 180.000 euros para o equipamento do Observatorio Astronómico da Veiga

O Consello da Xunta vén de autorizar a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello

Dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinaranse 180.268,04 euros a dotar ao Observatorio Astronómico da Veiga do equipamento necesario para a súa posta en funcionamento. Así se acordaba durante a reunión do Consello da Xunta deste 12 de setembro. Nela autorizábase a sinatura dun convenio de colaboración entre Medio Ambiente e o Concello da Veiga no cal “se concreta a achega económica da Xunta e o compromiso municipal para que a consellería poida desenvolver nestas instalacións novos programas e actividades no marco das súas competencias”, segundo a Administración autonómica.

Unha vez que se complete a dotación interior do edificio, este observatorio poderá poñerse en marcha. Será o primeiro centro destas características na provincia de Ourense, xa que en Galicia hai outros tres centros: o Observatorio Astronómico de Cotobade, o Observatorio Astronómico de Forcarei e o Observatorio Ramón Aller, dependente da Universidade de Santiago.

Esta observatorio veigués está localizado nos montes de Corzos de Valdín, a uns 1.700 m de altura, en Pena Trevinca. Esta zona foi declarada destino turístico Starlight no ano 2015, sendo o primeiro lugar de Galicia en obter esta certificación internacional avalada pola Unesco e que acredita a calidade dos seus ceos nocturnos e a súa condición de área de observación privilexiada.

“O novo Observatorio Astronómico da Veiga favorecerá aquelas actividades sustentables que posibiliten a divulgación do medio natural e que inclúen a interpretación do patrimonio natural como unha oferta dos seus servizos. Así mesmo, fomentará as actividades turísticas no concello e na comarca na que se localiza, o que incidirá na mellora da economía e na calidade de vida das poboacións rurais da súa contorna”, segundo a Xunta de Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button