
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e Juan Anta, alcalde da Veiga, veñen de asinar u protocolo que posibilitará as obras de mellora nos accesos ás praias fluviais de O Coiñedo e Os Franceses no encoro de Prada.
Este documento ten por obxecto establecer o marco para unha posible colaboración entre as partes outorgantes, para o financiamento, posta ao dispor dos terreos, execución e entrega das actuacións que se incluirían nun proxecto que será redactado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
As obras consistirían basicamente na mellora do pavimento preexistente, así como as tendentes a conseguir a separación efectiva da circulación peonil e ciclista da de vehículos de motor, tamén se procederá á ampliación da superficie de estacionamento.
O investimento estimado ascende a 243.000 euros, incluíndo o custo de redacción do proxecto, a execución do contrato de obras, así como a dirección facultativa do mesmo.