Neste 5 de decembro vén de poñerse en marcha en Sober a XL Feira-Mostra do Viño do Amandi. É unha edición especial, non só por cumprir 40 anos, senón tamén polo seu cambio de datas, de ubicación e de formato, buscando conservar este evento do mundo do viño pese á pandemia e desenvolvelo con seguridade.
“Neste 2020 non quixemos deixar de celebrar a Feira do Viño do Amandi, que para nós significa moito. Neste día especial querémoslle render unha homenaxe aos viticultores e adegueiros, porque o viño é o noso produto máis característico e tamén dentro da Ribeira Sacra”, destacaba o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, ás 11h. deste sábado no acto inaugural da mostra, no Hotel Pazo de Sober, xunto ao delegado da Xunta de Galicia en Lugo, o presidente do CRDO Ribeira Sacra e representantes do Parlamento galego, da Deputación e dos viticultores.
O rexedor comentaba que este ten sido un ano diferente, “tiñamos todo preparado para a feira, tal e como viñamos facendo, en abril”, pero a pandemia cambiouno todo. “Os meses ían andando, parecía que a situación se ía estabilizando e chegando a fin de ano organizamos o que vedes: unha especie de túnel de viño para profesionais ao que lle quixemos chamar mostra”, explicaba.

Este evento, ao que só pode accederse con invitación (para distribuidores, xornalistas especializados e restauradores), desenvolverase neste sábado con horario de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 20.30 horas, así como na mañá do domingo 6 de decembro (de 11:00 a 14:30 horas). Nel poden catarse unhas 60 mostras (de tintos, brancos, tintos doutras anadas e mesmo rosados) de 28 adegas da Subzona de Amandi.
Tamén nesta mañá podía seguirse, a través das redes sociais, o pregón da feira que corría a cargo da actriz Benedicta Sánchez, galardoada co premio Actriz Revelación nos últimos Premios Goya polo seu papel en “O que arde”. E a partir das 11h. iniciábase a precata da mostra no patio de Cristal do Pazo de Sober. “Temos un panel de cata, como en anos anteriores, e vai haber tres premios para os viños tintos do ano 2019, un premio para os tintos doutras anadas e un premio para brancos. A entrega de premios está prevista para mañá.
O alcalde de Sober pechaba o acto inaugural lembrando o lema “Amandizáte” e animando a consumir viños desta subzona da D.O. Ribeira Sacra “no Nadal e nos 365 días do ano” e destacaba que “estamos falando dos mellores viño do mundo”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
