EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

UUAA pide que a Xunta investigue “o mal que ameaza a colleita da castaña na provincia de Ourense”

Publicidade
Castiñeiros afectados polo mal en Viana do Bolo./ Foto cedida.

 

Preocupación entre os produtores de castaña ourensá por unha doenza que está a afectar aos castiñeiros. “Dende hai algunhas semanas os castiñeiros de Viana do Bolo, A Gudiña e A Mezquita e Vilariño de Conso locen dunha cor marrón que está a provocar a perda das castañas. Problema similar ao detectado en Valdeorras, onde os produtores ollan con fonda preocupación a unha campaña que ameaza con saldarse cuns resultados catastróficos”, segundo o sindicato Unións Agrarias.

“En ausencia de certezas sobre a causa detrás do mal estado dos castiñeiros, xeralizado en todas as zonas produtoras da montaña ourensá, Unións Agrarias pídelle á Xunta que dea un paso adiante e impulse sen demora unha análise que permita obter un diagnóstico claro do problema e activar posibles tratamentos”, asegura o sindicato.

 

 

Nesta liña dende Unións Agrarias instase á Xunta de Galicia a actuar canto antes ante a incerta situación que enfrontan os produtores de castaña da provincia de Ourense. A organización agraria apela “ao sentido da responsabilidade da administración autonómica e solicita o desprazamento inmediato de técnicos que analicen a situación sobre o terreo e propoñan posibles solucións ao mal que ameaza con botar a perder máis do 70% da colleita”.

A produción de castañas é unha actividade fundamental para a economía da montaña ourensá “pois os ingresos que xera repercuten directamente noutros sectores e son vitais para a dinamización socioeconómica desas zonas”, lembra UUAA.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button