EconomíaEconomíaÚltima hora

UUAA rexeita a planta solar proxectada na Gudiña pola súa “afectación para a poboación rural e actividade agrogandeira”

Así o sinala o sindicato nun comunicado que vén de emitir esta mañá

 

 

O sindicato Unións Agrarias vén de emitir un comunicado para anunciar que se une “ao cento de veciños, produtores e colectivos que teñen presentado alegacións á planta solar proxectada no Concello da Gudiña. Un proxecto cun altísimo impacto ambiental, patrimonial e socioeconómico que tamén terá implicacións para os municipios veciños de Viana do Bolo e Vilariño de Conso”.

Unións Agrarias insta a paralizar o parque solar proxectado na Gudiña “polo alto custo e as importantes afectacións que a súa construción; así como a infraestrutura de evacuación asociada; suporían para a poboación da contorna. A instalación tería importantes repercusións non só para a fauna salvaxe e o medio ambiente, tal e como teñen denunciado xa colectivos ambientalistas; senón tamén para o patrimonio, a calidade de vida da poboación local e o desenvolvemento da actividade agrogandeira e forestal”, asegura o sindicato.

Tal e como destaca Unións Agrarias, a execución deste proxecto “implicaría unha actuación severa sobre o medio e, por tanto, xeraría un grave impacto ambiental con repercusión sobre importantes valores ambientais e paisaxísticos. Ademais, tería afectacións directas sobre a poboación da zona e, moi especialmente, sobre o modo de vida vinculado ás explotacións agrogandeiras existentes, imprescindibles para un desenvolvemento socioeconómico sostible”.

A organización pon o foco nas implicacións que a instalación deste parque suporía “tanto para a apicultura como para a gandería extensiva e en ecolóxico e o cultivo de castaña en soutos centenarios. Actividades moi importantes para o tecido socioeconómico local que non poden verse hipotecadas por un parque ao que a veciñanza de opón de xeito frontal”.

Unións Agrarias destaca ademais os obstáculos que esta instalación suporía para “unha eficaz loita contra os incendios forestais nunha zona especialmente castigada polos mesmos. E é que o proxecto afectaría a puntos de toma de auga dos que habitualmente se nutren os equipos de extinción”.

Artigos relacionados

Back to top button