
Por quinto ano consecutivo, Purdeus-Chandrexa (Parada de Sil) recreará o 19 de novembro unha antiga tradición coa Festa da Pisa da Castaña. Tras pasar dúas semanas secando nun canizo, o día da festa dúas persoas meten as castañas en saquetas e sácanas do sequeiro para comezar a pisa, que consiste en golpealas contra un tallo de madeira. Será a partires das once e media da mañá. Logo faise a criba, que esixe gran destreza.
A celebración compleméntase coa V Feira de Produtos Locais (aberta de 11h. a 16h.) e co xantar popular da castaña. Na pasada edición este evento reunía en Purdeus a unhas 400 persoas. O seu menú (cun prezo de 12 euros por persoa) incluirá empanada, croca de tenreira, sobremesas, acompañadas de bebidas e café. Mái información e reservas en turismo@paradadesil.es.
Esta celebración forma parte do variado programa de actividades de Outono que Parada de Sil vén desenvolvendo dende finais de outubro. Ademais, na fin de semana do 26 e 27 de novembro desenvolverase o II Maratón Fotográfico de Parada de Sil. Ademais durante todas as fins de semana será posible degustar menús elaborados con castaña nos restaurantes deste municipio ourensán.