OurenseÚltima hora

V Semana da empresa e o emprendedor, do 23 ao 27 de xaneiro no IES 12 de Outubro de Ourense

Tres ponencias, unha mesa redonda e dúas visitas a empresas de economía circular completan o programa

 

Os departamentos de Formación e Orientación Laboral e de Economía do IES 12 de Outubro organizan do 23 ao 27 de xaneiro, a V Semana da empresa e o emprendedor.

Durante 5 días, un total de 6 ponentes participarán en 4 ponencias relacionadas co emprendemento e o mundo da empresa. Márketing, creación e desenvolvemento de empresas, economía circular e colaborativa, desenvolvemento e innovación e agricultura ecolóxica serán as temáticas a tratar durante a V Semana da empresa e o emprendemento.

As xornadas comezan o luns día 23 coa conferencia de Gabriel Calviño Fernández, de Bservice, SRL, titulada “Atrévete a emprender”. O martes será a ocasión de contar con Luis Reverter e Estanislao Reverter, da Fundación Estanislao Reverter, que nos falarán do Alpinche, coche híbrido construído no seu taller de Ourense para participar nos rallies da época. Ese mesmo día o alumnado de Imaxe Persoal visitará as instalacións do laboratorio cosmético con certificado ecolóxico IUVENOR.

O mércores terá lugar unha visita ás empresas de Galletas Mariñeiras Daveiga e á Queixería Arqueixal, que desenvolven a súa actividade baixo a filosofía da economía circular e participativa. O xoves 26 visitará o centro unha exalumna do mesmo, Ana Noguerol, responsable de comunicación e marketing de DixitalGou, que falará de “Inbound marketing. Como contarlle ao mundo todo o que lle podes ofrecer”.

Para despedir a semana participarán nunha mesa redonda tres emprendedores de Ourense, exalumnos do 12 de Outubro, Eva de Rey, do Centro de estética Eva de Rey, Alex Moreira González, xerente de Elytel Deza, SL e Aníbal Blanco, CEO de Transportes Aníbal Blanco.

programa Semana empresa 2023

Artigos relacionados

Back to top button