CulturaCulturaÚltima hora

“V Xornada Guerrilleira Repil”, o 20 de abril en Xullán (Bóveda) e na Pobra do Brollón

 

Conferencias, presentación de libros, pero tamén petiscos e música. O vindeiro 20 de abril celebrarase a V Xornada Guerrilleira de Repil. Os actos terán lugar durante a mañá na Casa da Memoria (Xullán, Bóveda) coa participación de músicos, da poeta Olga Novo, do historiador Santiago Macías, así como do investigador Mario Bueno e coa do editor Paco Macías (Edicións Positivas), que presentará tres libros guerrilleiros.

Pola tarde, a sesión de conferencias continuará, dende as 17h. na Casa da Cultura Olga Novo, na Pobra do Brollón. Abordaranse temas como unha comparativa entre a guerrilla do noroeste ibérico e a loita partisana en Italia, a arqueoloxía da resistencia no Piamaneto e a do cinto de ferro en Bilbao, entre outros. Serán expostos polos investigadores Carlos Tejerizo, Marianna Bucchioni, Tania González, Agnese Giannini e Paulos Bravo.

 

 

Estas xornadas nacían hai un lustro ligadas a un lugar de memoria, Repil. Na década de 1940 a denominada Casa dos Guerrilleiros, en Repil (A Pobra do Brollón), convertíase en refuxio temporal para un destacamento da guerrilla antifranquista. Unha situación que remataba repentinamente o 20 de abril de 1949, data na que a Garda Civil rodeaba a vivenda. Os guerrilleiros que a ocupaban eran tiroteados e a familia propietaria da casa, detida.

Despois deste tráxico suceso a edificación quedaba abandonada e esquecida. Sen embargo, no ano 2016 o lugar era recuperado cunha perspectiva de “Arqueoloxía do Conflito” e cunha finalidade de converter o espazo nun recurso para a educación na paz e na convivencia. Foi ademais obxecto de diversas investigacións e intervencións arqueolóxicas.

 

Artigos relacionados

Back to top button