En portadaÚltima horaVídeos

Valdeorras como berce mundial do godello, eixo da nova campaña promocional dos viños desta denominación

Presentábase esta mañá na Rúa e nela desenvolveranse diferentes accións de comunicación e publicidade que se divulgarán de xeito offline e online aproveitando o potencial de difusión de novas ferramentas como poden ser os podcasts ou as plataformas de televisión dixital, entre outras

 

No potencial do godello céntrase a nova campaña promocional dos seus viños que vén de lanzar o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras baixo o lema “O godello é de Valdeorras, e agora tamén e teu”. Presentábase ante o sector na mañá deste domingo 26 de novembro nun acto que se celebraba no Centro Cultural Avenida da Rúa. O acto, áo que asistían unha trintena de persoas, entre as que había responsables dunha ducia de adegas, viticultores así como representantes do Concello da Rúa, entre eles a súa alcaldesa, estaba presentado por Araceli Fernández del Palacio, vogal do CRDO Valdeorras.

Na súa intervención, detallaba os eixos centrais e obxectivos do conxunto de accións de comunicación e publicidade desta campaña (deseñada pola axencia galega Lapera), que pretenden contribuír a fortalecer o posicionamento e “a potencialidade dos viños da comarca entre diferentes públicos obxectivo e aumentar o seu grao de coñecemento para tentar acceder a novos mercados”.

 

 

O obxectivo desta iniciativa, dicía Fernández del Palacio, é axudar é “ao conxunto de adegas amparadas baixo o noso selo de calidade a vender máis e a obter unha maior rendibilidade polos viños que sitúan no mercado”. E facelo “pode ser máis doado se teñen o respaldo dun conxunto de accións articuladas a través dunha atractiva campaña, moi profesional, cun innegable gancho e cunha forte compoñente creativa que se sustenta, como eixo central, na potencialidade do godello: verdadeiro buque insignia do noso territorio amparado”.

A estratexia publicitaria busca protexer o vínculo entre unha terra e as súas xentes, Valdeorras; e un viño que é a súa máxima expresión, o godello. A idea creativa é moi simple “e baséase en que cando algo forma parte de ti, perténceche e é teu, conforma o teu patrimonio. E só podes transmitir, doar ou legar o que verdadeiramente é teu. E esta a historia que conta O Legado de Valdeorras, a historia dunha terra que entrega un viño ao mundo, para que sexa coñecido e desfrutado por todos”, explican dende Lapera.

 

Imaxe da campaña.

 

Os obxectivos da campaña

A intención desta campaña, segundo indical o consello regulador, é fixar entre os principais grupos de interese, prescritores e consumidores (actuais e potenciais) dos viños da comarca un relato moi concreto articulado en torno a que Valdeorras é o berce do godello. “Aquí os viños que se elaboran con este tipo de uva son, por norma, 100% monovarietais”, asegurou Fernández. “O auténtico godello nace en Valdeorras e o xerme do que existe plantado en todo o mundo parte desta terra na que nos atopamos”, continuou.

 

 

O equipo de goberno do Consello Regulador é consciente de que o godello goza de cada vez máis recoñecemento nos mercados e, por ese motivo, quere intensificar o seu posicionamento trasladando a idea de que se trata dun viño orixinal, moitas veces exclusivo (algúns deles forman parte do selecto grupo de brancos de España mellor puntuados na Guía de Parker) e puramente autóctono, rescatado da extinción alá polos anos 70 do pasado século.

Principais accións a desenvolver

Nesta primeira fase da campaña, que comeza mañá luns, preténdese tratallar sobre todo o nivel identificativo para afianzar a relación entre o territorio e o godello. Un spot, eixo central da iniciativa, amosa como se envían cartas a tres persoas ubicadas en diferentes partes domundo. Ao ler a misiva, descobren o seu legado. O texto da carta describe a herdanza e todo o que acompaña a este concepto e enfatiza os ítems de terra, clima, viticultura dun pobo e forma de facer.

 

 

O anuncio rodouse durante tres días en toda a comarca de Valdeorras e editouse en formato Cinemascope, que permite que as imaxes máis panorámicas poidan amosar toda a beleza da zona. Trátase dun formato típico nas películas que se proxectan nos cinemas pero que resulta novidos en produción publicitaria.

“Creativamente, a axencia que nos axudou na elaboración dos diferentes materiais buscaba impacto, e creo que se conseguiu facendo protagonistas a persoas emprazadas en diferentes lugares do globo. Persoas que van gozar do godello, un viño que a terra de Valdeorras lles ten legado”, aseguraba tamén Araceli Fernández durante a presentación.

Ao tempo, destacaba que “a campaña busca xerar expectación, espertar interese sobre o que estamos a contar e crear a necesidade de seguir atentos á mesma para continuar vendo e descubrindo a historia completa que queremos trasladar”. Por iso, para xerar tráfico e audiencia creouse unha landing page, legadovaldeorras.gal, na que se amosa o anuncio íntegro e se pode acceder ás diferentes pezas e creatividades deseñadas.

Nesta primeira fase promocional, promoveranse accións para gañar visibilidade e impacto. Entre estas, a rotulación semiintegral dalgúns autobuses que conectan Galicia con diferentes puntos do país. Tamén se aposta por Internet a través da denominada compra programática como formatos Rich Media, de gran impacto, e en sites relevantes de interese para os públicos obxectivo da D.O.

 

 

 

Podcasts e plataformas de televisión dixital

En torno a novas canles como os podcasts tamén se vertebra a campaña. Por iso, concibíronse cuñas especiais para incluir nalgúns dos máis relevantes para o segmento de audiencia ao que ésta se dirixe. Xunto a isto, a difusión terá en conta tamén as plataformas de televisión dixital, sen esquecer outros soportes máis tradicionais e de carácter offline como a presenza en blogs de recoñecido prestixio.

O acto remataba cunha degustación de viños da D.O. Valdeorras, acompañados de diversos petiscos.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button