CulturaCulturaÚltima hora

Valdeorras, nunha das rutas das “Viaxes de cine por Ourense” do 26 OUFF

Realizaranse durante o festival e percorrerán diferentes escenarios de películas na provincia

 

“Viaxes de cine por Ourense” é unha iniciativa ligada ó OUFF (Ourense Film Festival), xurdida no ano 2019 e que conta coa colaboración da Deputación de Ourense. Esta proposta busca achegar aos ourensáns e a todas aquelas persoas interesadas aqueles recunchos de cine existentes ao longo da provincia. “O obxectivo principal é dar a coñecer os escenarios que serviron de set de rodaxe para un gran número de películas que ó longo do tempo se teñen rodado na nosa provincia, na xa coñecida como Ourense, plató de cine”, indican dende a organización do OUFF.

Entre eses recunchos figuran o tramo do río no que se bañaba Aitana Sánchez Gijón en La ley de la frontera, a escola na que o Pardal quedou marabillado polas ensinanzas do seu mestre en A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda, a Taberna da Tía Esquilacha onde o Bocas, o Milhomes e o Cibrán pasaron parte de A Esmorga ou o colexio onde Elisa e Marcela atoparon o amor.

Este ano organizaranse tres rutas durante a celebración do OUFF. Terán como punto de encontro a Deputación de Ourense ás 9:30 horas e a viaxe de cine comezará ás 10 horas. Durante a xornada percorreranse diferentes escenarios de películas, haberá unha parada para xantar e volverase a Ourense en torno ás 18 ou 18:30 horas.

– Luns 27: visitarase en Allariz escenarios de “A lingua das bolboretas”, “Cuñados” y “La Virgen del cristal”, en Bande de “El desorden que dejas”, logo Celanova con “Elisa y Marcela”, “Anos despois”, “El desorden que dejas” e “El bosque del lobo” para rematae en Cartelle con lugares onde se filmou “Anos despois”.

– Mércores 29: Gomariz como escenario de “Cuñados” será o punto de partida da xornada, que continuará en Leiro (“Los Girasoles ciegos” e “Cuñados”) e Ribadavia (“A Esmorga“, “Cotolay”, “El desorden que dejas“ e “Olvido y León”). Remata a ruta en Astureses, onde se poderán ver os sitios polos que pasearon en “Elisa y Marcela“ e en “La leyenda de la doncella”.

– Venres 1: este día comeza en Ourense, onde se visitará lugares que apareceron en “Los girasoles ciegos”, “A esmorga“, “Cuñados“, “Toro”, “Cando volvas ó meu lado”, “Pelerinaxes” e “Santoalla”. A xornada continúa cun xantar en Carballiño e a visita a Melón, onde se gravou “Cotolay”, e a Pazos de Arenteiro e Moldes, escenarios de “Elisa y Marcela”.

Ao amparo do OUFF, Viaxes de cine por Ourense busca consolidar un paquete atractivo para que a provincia de Ourense poida ser visitada dende a ollada do afeccionado ó sétimo arte, que ten curiosidade por saber algo máis daqueles fondos de escena que contemplou na pantalla grande e onde no seu momento foron recreadas algunhas historias que forman parte do cine rodado en Ourense.
Para inscribirse nestas rutas pode enviarse un correo electrónico a protocolo.ouff@depourense.es ou no teléfono 988 317 888.

Artigos relacionados

Back to top button