Dende a Prehistoria ata a actualidade. A xeografía, a historia, a gastronomía, o viño, as lendas, o deporte… “Valdeorras o noso tesouro” narra e ilustra a historia desta comarca, entrada natural a Galicia, cun enfoque dirixido principalmente aos nenos, pero tamén aberto aos maiores. Así o explicaba na presentación deste libro ante escolares barquenses o 6 de xuño no Teatro Lauro Olmo da vila Antonio Castro Voces, autor dos textos da obra xunto a David D. Vázquez, Pablo Fernández Rodríguez e Alfredo Guitián, tamén no acto.
“Este era un baleiro que había nas aulas, os profesores non tiña nun texto, un manual da historia da nosa comarca. O obxectivo inicial deste libro era dotar tanto a mestres como a alumnos dunha ferramenta de traballo que lles fixese máis doado o coñecemento dos aspectos máis destacados da nosa comarca dende hai milleiros de anos ata hoxe en día Aurentino Alonso foi o autor da idea, a persoa que vinculou isto co ensino”, engadía Castro Voces.
A obra está estruturada en once apartados e, xunto cos textos, outro dos seus piares son as ilustracións, realizadas por Juan José Albares Arias e Patricia Fernández. Con elas preténdese “axudar a dixerir esta historia, esta pequena enciclopedia, que é bastante completa, para que o público en xeral coñeza esta marabillosa historia da terra na que levo traballando 18 anos”, comentaba Albares.
A elaboración do libro durou un ano, pero “estivo sete anos en estado embrionario, ata que finalmente saíu”, comentaba o propio Aurentino Alonso, que ademais de profesor é concelleiro de Deportes do Barco. Na súa intervención destacaba que “o propio libro é un gran tesouro e tócavos a vos ser os seus gardiáns”, dicíalles aos escolares. Ademais agradecía aos autores a súa “disposición a participar incondicionalmente nesta aventura e a ilusión coa que iniciástedes este proxecto”.
Pola súa banda, Pablo Fernández agradecía ter podido “asistir á creación deste libro, que os nenos nin se imaxinan o que supón, é algo moito máis difícil que un quebracabezas de 2.000 pezas, pero disfrutámolo e foi unha sorte estar neste proceso”. E David D. Vázquez resaltaba que “atrás dun libro hai un grupo de persoas que traballaron nel, e no caso deste, somos todos nós”, ademais animaba aos rapaces a coller os libros e a lelos. “Cando un libro está nun andel, abandonado, considérase prisioneiro e necesita ser liberado, sentirse libre outra vez nas mans dun rapaz. Nos libros está todo. Neste vades aprender moito sobre a comarca de Valdeorras e a tamén a sentirvos orgullosos de ser valdeorreses”.
A presentación concluía cunha serie de preguntas na que os escolares preguntaban sobre dúbidas ou curiosidades do libro. A saída da presentación, cada estudante recibía un exemplar deste libro, editado pola Deputación de Ourense en colaboración cos Concellos do Barco e da Rúa.
Fotos: Carlos G. Hervella.