En portadaÚltima hora

Valdeorras presenta a súa marca turística e os seus atractivos enogastronómicos en Xantar

A comarca celebra hoxe o seu día dentro do 24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, en Expourense

 

Valdeorras celebra hoxe o seu día dentro do 24 Salón Internacional de Turismo Gastronómico-Xantar, que se está a desenvolver en Expourense. Así a comarca está presente, por primeira vez de forma conxunta, neste evento a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Valdeorras, cuxa presidenta e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, presentaba a proposta para converter a zona en referente do turismo enogastronómico. Neste sentido, manifestou que “é unha satisfacción ver como a través do GDR se unen por primeira vez todos os concellos e entidades da zona para dar este paso adiante conxunto e poñer en valor a Valdeorras como un dos destinos máis interesantes para os amantes da boa cociña e da vinicultura”.

Facíao nun acto que contaba coa presenza de representantes dos concellos da comarca, entre eles os alcaldes do Bolo e do Barco, así como coa do presidente e do xerente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo e Severino González, así como coa do presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, ou a do xerente de Vinos Barco, Alfredo Fernández, vogal desta última asociación.

 

 

 

O obxectivo desta aposta conxunta é sentar as bases deste tipo de turismo para atraer a novos visitantes interesados en descubrir a zona, e que implica xerar novas oportunidades de emprendemento para a mocidade valdeorresa. “Somos capital do mundo da lousa e, queremos dar a coñecer a nosa propostas para converternos en referentes do turismo enogastronómico”, engadía González Quintela.

 

 

Nese senso en Xantar vanse a dar a coñecer catro referentes valdeorreses “as covas” ou adegas subterráneas nas que se elabora e coida o viño, a gastronomía centrada en carnes de calidade coas que se elabora, entre outros, o botelo. En terceiro lugar, vaise poñer en valor todo o poder do emprazamento natural e paisaxístico único da zona, así como axudar na difusión de hoteis, pazos, restaurantes, covas, bodegas e centos de negocios que ofrecen o mellor da nosa terra.

A presidenta do GDR resaltaba a importancia de que todas as entidades, administracións, medios de comunicación e visitantes, axuden a visibilizar todo o potencial de Valdeorras como potencia no turismo enogastronómico.

 

 

Durante esta xornada o expositor de Valdeorras en Xantar ofrecerá degustacións de torta de roxois e dos diferentes tipos de licores elaborados pola empresa valdeorresa Barbudos. Ademais os visitantes de Xantar poden descubrir nestes días algúns dos pratos de referencia da gastronomía da comarca nos dous restaurantes de Valdeorras que participan no salón.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button