En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras únese para reivindicar o Día das Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán

Preséntase en Córgomo o proxecto cultural que inclúe a creación do club “Irmandade de Florencio”

En agosto de 1903 nacía en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o poeta Florencio Delgado Gurriarán. Por iso, a súa terra foi o lugar elixido para presentar o proxecto “As letras de Florencio”, unha iniciativa para solicitar o Día das Letras Galegas para o literato valdeorrés, no que se implicaron todos os concellos de Valdeorras e tamén a Deputación de Ourense.

Representantes municipais (alcaldes e concelleiros), culturais e sociais da comarca xunto co presidente provincial Manuel Baltar, acudían na mañá do 7 de novembro á convocatoria feita por Débora Álvarez, directora do proxecto, quen explicou que neste ano 2017 (data na que se celebra o 30 aniversario do seu pasamento) retomaron unha vella reivindicación que “comezou con Florencio en vida e do outro lado do Atlántico da man do IEV, que ao longo da historia seguiu a traballar para conseguir o recoñecemento que Florencio merecía”. Moitos anos despois, no 2001 xurdía unha reivindicación popular nacida da Asociación de veciños de Córgomo FDG cunha serie de traballos, conferencias, xornadas de teatro e actividades de dinamización. “Este proxecto aprendeu de todos eles, tanto da iniciativa máis institucional como da popular, para unilas nunha reivindicación conxunta”. Desta volta toda Valdeorras únese para solicitar o “Día das Letras Galegas para Florencio”, un fin ao que esperan chegar co apoio da Deputación.

O proxecto nacía en xaneiro e hoxe daba un paso máis coa posta en marcha da “Irmandade de Florencio”, un club de socios “que apoien a nosa candidatura e actividades, que nos fagan máis visibles nos medios e en toda a sociedade”. Unha iniciativa para a que crearon a figura do “Irmán Maior” que este ano será Anxo Baranga, “un deses iniciadores da reivindicación popular nacida en Córgomo, un artista e intelectual local, imprescindible neste proxecto pola súa vinculación con Córgomo e con Florencio”, dixo Débora, engadindo que “esta iniciativa non vai ter fin, nos concedan o Día das Letras Galegas como non, a nosa misión é seguir amosando a figura de Florencio”.

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar no acto celebrado en Córgomo.

Ese mesmo reto destacou o presidente da Deputación Manuel Baltar na súa intervención, asegurando que “o máis importante non é conseguir o Dia das Letras Galegas para Florencio, que se conseguirá, senón que hai 364 días ao ano para poñer en valor todo o que significa a súa obra, ese amor a Galicia, esa reivindicación permanente por Valdeorras. Temos un reto por diante e entre todos farémolo realidade, serei un dos máis entusiastas, por obrigación, para que o que hoxe comezamos sexa fructífero”. Baltar tamén fixo un percorrido polos intelectuais ourensáns aos que lles foron adicadas no seu momento as Letras Galegas (Curros Enríquez, Florentino Alonso Cuevillas, Lamas Carbajal, Vicente Risco, Antón Losada, Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Blanco Amor, Xocas, Carlos Casares,…) asegurando que “tardei unha milésima de segundo en atender a petición de colaboración plantexada polos alcaldes da comarca para que a Deputación apoiase esta iniciativa coa que estamos plenamente comprometidos porque Ourense e un provincia eminentemente cultural e Florencio é un dos xigantes desa cultura”.

Outra das persoas destacadas na presentación foi o presidente do Instituto de Estudos Valdeorres, Aurelio Blanco Trincado, quen puxo voz a unha carta de Anxo Baranga dirixida ao presidente da Deputación (que foi nomeado en directo socio número dous da “Irmandade de Florencio”), falando asemade en nome do colectivo que preside e que xa dende os seus inicios reivindicou a figura de Florencio e súa obra, cualificación ratificada por numerosos académicos. “A Academia non pode nin debe rexeitar a súa candidatura por ter pouco obra, como alguén dixo, xa que a súa actividade literaria vén dende o ano 1928 en que publica poesías en xornais e revistas ata un ano antes do seu pasamento en que Edicións do Castro publica o seu derradeiro libro “O soño do guieiro” pasando por “Bebedeira”, “Galiza Infinda” e “Cantarenas”. Nunca deixou de publicar, sempre subliñando a Galicia, sempre en galego. A poesía de Florencio é a poesía da natureza, do viño e do amor e ímoslle pedir á RAG que adique o Día das Letras Galegas a un dos poetas que defenderon a galeguidade e que tivo sempre a Galicia como tarefa”. Blanco Trincado falou do acto como “momento histórico” ao xuntar a representantes de todos os concellos da comarca para “defender causa tan xusta”, sendo, segundo o presidente da Deputación, a primeira vez que “se xunta un territorio tan grande avalado pola corporación provincial para facer unha petición neste sentido”.

O acto remataba cun aperitivo na Casa do Pobo de Córgomo, previa entrega dun agasallo ao proxecto: un debuxo de Florencio Delgado Gurriarán feito polo xornalista ourensán Miguel Anxo Coello.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button