En portadaÚltima hora

Valdeorras volve concentrarse para pedir unha “sanidade digna”

Numerosas persoas reuníanse ás portas do hospital do Barco para pedir a recuperación de servizos sanitarios perdidos

 

Continúan as mobilización en defensa do Hospital Público de Valdeorras. Este mércores ás 12h. numerosas persoas concentrábanse no exterior deste centro para pedir a recuperación dos servizos perdidos e en defensa dunha “sanidade pública e digna”. Entre os asistentes estaban alcaldes e concelleiros de diversos municipios de Valdeorras, ademais da deputada valdeorresa do BNG María G. Albert e o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero.

Neste acto tamén se anunciaba que se vai convocar unha manifestación na mañá do domingo 28 de novembro no Barco. “Ese día estaremos na rúa para seguir reclamando o que nos pertence: unha asistencia de calidade e unha sanidade digna”, adiantaba Víctor Pariente, representante da Xunta de Persoal do centro hospitalario valdeorrés, que destacaba que segue habendo malas noticias para a sanidade valdeorresa. “No HPV só hai un traumatólogo é este compañeiro está de baixa, o que significa que non temos traumatólogo, veñen de Ourense ou non, e todo o que vimos dicindo nesta concentracións vén ratificándose día a día, aquí non hai profesionais e aos que hai estanlle cortando as alas. Esta é unha situación que nestes últimos anos vimos soportando todos e non podemos seguir así”.

Pariente resaltaba que a poboación das comarcas de Valdeorras, Trives e Viana está abandonada. “Estamos abandonadas por completo unhas 30.000 persoas, a realidade é que non hai máis que promesas. Calquera de nós mañá pode sufrir un infarto, unha caída, un accidente de coche e que non teña asistencia, é que é impresionante”.

En contraste con isto, Pariente referíase aos anuncios de grandes investimentos que a Consellería de Sanidade facía onte para o Hospital Universitario de Ourense. “Tamén é verdade que vén a renglón seguido fálase dun investimento de 1,1 millóns de euros para o Hospital Público de Valdeorras, e nisto imos á cola, porque para Verín van 1,3 millóns de euros. Cada vez que hai un ciclo electoral ou unha mobilización sempre se di que se vai investitir no hospital. A realidade é que iso non é así, esas obras tan prometidas están paradas e, ademais, que no resto dos centros de saúde do distrito non hai nada. Anunciouse para O Bolo unha reforma pero tampouco se empezou, ao Centro de Saúde de Vilamartín caelle o teito e non pasa nada, o Centro de Saúde de Viana leva tempo esperando reformas, do resto dos centros nin se plantexa nada de reformar nada”, indicaba Víctor Pariente.

Así mesmo, animaba á poboación a seguir participando nas concentracións que continuarán celebrándose os mércores ás 12h. diante do hospital valdeorrés.

 

A deputada ruesa do BNG no Parlamento galego, María Albert./ Foto: A.R.

 

María Albert (BNG): “Merecemos unha asistencia sanitaria de primeira”

A deputada nacionalista no parlamento galgo, María Albert, pedía tras a concentración a “recuperación da Área Sanitaria de Valdeorras” e frear os continuos recortes na atención sanitaria do Hospital Público do Barco de Valdeorras e a súa comarca. Ademais comentaba que o BNG ten rexistrado unha batería de iniciativas na Cámara galega reclamando recuperar “persoal especialista en traumatoloxía e radioloxía”. No servizo de traumatoloxía, explica a deputada nacionalista, “pasamos de catro especialistas a un” e no servizo de radioloxía con dous radiólogos, un deles “exento de gardas”. En ambas especialidades, engade a parlamentaria do BNG, “non se están a cubrir as gardas durante a fin de semana” obrigando aos usuarios e usuarias a desprazarse ao Hospital de Ourense, empregando no desprazamento máis dunha hora.

Ademais, aseguraba que a carencia de ambulancias obrigou aos usuarios a utilizar o seu propio coche para o desprazamento, entre o Barco de Valdeorras e o Hospital de Ourense, cos problemas que convela. No Barco de Valdeorras e a súa comarca, remarcou Albert, “merecemos unha asistencia sanitaria de primeira, próxima e unha sanidade que atenda a unha poboación moi envellecida que vive a grande distancia de todas as cidades galegas”.

Despois de tres semanas de mobilizacións, ante o Hospital Público do Barco de Valdeorras demandando a recuperación da Área Sanitaria, a nacionalista reitera que o BNG continuará reclamando “unha sanidade pública próxima e de calidade” e apoiará todas aquelas iniciativas para denunciar o desmantelamento iniciado polo Partido popular na asistencia sanitaria en Valdeorras e na súa comarca.

 

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero./ Foto: A.R.

 

Gonzalo Caballero (PSdeG-PSOE): “Aquí hai problemas graves que necesitan unha aposta decidida da Consellería de Sanidade”

Tamén se asistía á concentración en defensa do hospital, Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG-PSOE. “Os socialistas galegos queremos sumarnos á reivindicación de Valdeorras en defensa do seu hospital comarcal, en defensa da sanidade pública no Barco e en todos os concellos da zona”, resaltaba.

Apuntaba ademais que “en Valdeorras, onde había unha área sanitaria que tiña un hospital con servizos sanitarios, con profesionais, con capacidade, o goberno da Xunta vai tomando todas as decisións para ir afogando a este hospital”. Neste senso, Caballero demandaba “un claro compromiso cun hospital que ten que ser de referencia para unha comarca que pola súa situación xeográfica e social ten as súas propias especificidades, e onde poder chegar a un hospital de referencia implica moito máis dunha hora de camiño. Aquí hai problemas graves que necesitan dunha aposta decidida dende a Consellería de Sanidade, problemas de cada vez maior dificultade de solución porque non hai un compromiso e non hai profesionais. É o momento de dicirlle a Feijóo que ten que cambiar as políticas sanitarias e apostar pola sanidade pública”.

Caballero concluía adiantando que o grupo parlamentario socialista continuará “presentando iniciativas parlamentarias para que a Xunta se comprometa co hospital de Valdeorras, porque Valdeorras existe”.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button