EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Valdeorras, xunto ás outras 4 DD.OO. de viños galegas, en Vinexpo en París

 

Un total de 32 referencias valdeorresas, 18 brancas e 14 tintas, poden degustarse estes días en Vinexpo, en París, na primeira acción de promoción conxunta levada a cabo pola Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das I.X.P. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA). Esta mostra desenvolverase do 14 ao 16 de febreiro. Trátase da primeira vez que os viños e licores autóctonos galegos, amparados baixo diversos selos de calidade, se promocionan de forma conxunta no exterior.

A habilitación en Vinexpo dun espazo expositor común aos seis consellos reguladores, posto en marcha co apoio do Igape, permitirá “crear sinerxías” entre os diferentes territorios amparados, tal e como explica Para Juan Gil de Araújo, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e de Acruaga. Pola súa banda, o presidente da D.O. Valdeorras e vicepresidente de ACRUAGA, José Luis García Pando, afirma que esta iniciativa “longamente demandada” polo “sector vitivinícola galego” permitirá afrontar máis directamente “o reto da internacionalización” das “nosas adegas e destilerías”.

Pola súa banda, a D.O. Ribeiro está promocionando 27 dos seus viños nesta mostra internacional, mentres a D.O. Monterrei dará a coñecer os viños de 19 adegas amparadas por esta denominación. Finalmente, a D.O. Ribeira Sacra participa neste salón internacional cos viños de 12 adegas.

Vinexpo

Vinexpo constitúe o primeiro gran encontro vinícola internacional do ano. O sector do viño e as bebidas espirituosas, que non se reunía en París dende hai case dous anos, recibiu este ano con gran expectación Wine Paris & Vinexpo Paris, que conta con 2.800 expositores de 32 países durante tres días.

España ocupa o terceiro lugar por tras de Francia e Italia, cun aumento da participación de todas as autonomías que participan neste gran evento dedicado á exportación, en particular Castela e León, Galicia e Castela A Mancha.

ACRUAGA

Hai uns meses poñíase en marcha a Asociación de Consellos Reguladores do Viño e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) para dar cobertura a un convenio de colaboración subscrito co Igape cuxa finalidade é a promoción internacional dos viños e destilados amparados baixo os selos de calidade diferenciadas de Galicia.

Unha entidade que impulsará accións de formación e difusión dos produtos amparados polos selos de calidade dos seis organismos integrados na iniciativa: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e Augardentes de Galicia. Además de Vinexpo, os membros de Acruaga estudan participar no mes de xuño na London Wine Fair, a feira vinícola máis relevante de cantas se celebran no Reino Unido.

Artigos relacionados

Back to top button