A RúaConcellosÚltima hora

Valórase crear un polígono agroforestal de viñedo na Rúa e unha aldea modelo en San Xulián

O alcalde rues e o conselleiro do Medio Rural analizaban estas iniciativas nunha xuntanza

 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo esta mañá un encontro co alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

Na xuntanza analizáronse as necesidades e demandas dos veciños e as diferentes vías de colaboración a prol do impulso do agro neste municipio valdeorrés. En concreto, abordouse a posibilidade de crear un polígono agroforestal centrado no viñedo, que se situaría en terreos propostos pola denominación de orixe Valdeorras, en coordinación coa cooperativa local Virxe das Viñas. Ao tempo, tamén se avaliará a posible prestación de asistencia técnica por parte da Consellería a esta entidade cooperativa, co fin de axudala na elaboración e desenvolvemento do seu plan de negocio.

 

 

Na reunión, segundo informa Medio Rural, tamén se tratou a posibilidade de poñer en marcha unha aldea modelo no núcleo de San Xulián. Esta figura, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria -ao igual que os polígonos agroforestais-, persegue a posta en valor, con actividade agrogandeira, do perímetro da aldea, ao tempo que se fai unha anticipación activa aos incendios forestais. Outro asunto abordado na xuntanza está relacionado co desenvolvemento de iniciativas de agricultura de precisión, neste caso aplicadas ao viñedo. A Consellería ten entre os seus obxectivos fomentar este tipo de proxectos, vinculados ao aproveitamento da internet das cousas. No caso do viño, estas tecnoloxías poden axudar no tratamento de pragas e na xestión xeral das vides.

Por outra banda, nesta reunión tamén se abordou a colaboración en materia de defensa e prevención fronte os incendios forestais.

Artigos relacionados

Back to top button