CulturaCulturaÚltima hora

Varios valdeorreses colaboran na edición dos ‘Cadernos Ramón Piñeiro’ sobre Florencio D. Gurriarán

O secretario xeral de Política Lingüística presenta o volume, que reúne máis dunha vintena de artigos nos que se analiza en profundidade a vida e obra do escritor valdeorrés

Presentación do libro Cadernos Ramón Piñeiro (XLV) Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán.

 

Na mañá deste martes 20 de decembro o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaba na mañá no Pazo de San Roque na presentación da XLV edición dos Cadernos Ramón Piñeiro titulada ‘Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán’, unha obra coa que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades lle rende unha homenaxe ao autor de Valdeorras, figura destas Letras Galegas 2022, na que colaboran varios valdeorreses como Noelia Estévez Rionegro ou Camilo Valdehorras.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou “o gran nivel académico dos estudos reunidos neste volume”, que non dubidou en cualificar como “unha das achegas substantivas do ano na análise da biografía e a escrita do autor valdeorrés”. Así mesmo, sinalou que mercé a este tipo de obras “o Centro Ramón Piñeiro demostra o prestixio do seu equipo de investigadores, que soubo coordinar, con admirable profesionalidade, os mellores analistas para iluminar a figura do intelectual e poeta Florencio Delgado Gurriarán”.

Xunto a Valentín García tamén participaron nesta presentación o coordinador científico do Ramón Piñeiro, Manuel González González; Luís Cochón, coeditor do volume; Miguel Anxo Seixas Seoane, colaborador do volume e presidente da Fundación Castelao, e Ricardo Gurriarán, ensaísta e familiar do autor homenaxeado.

 

 

Con esta publicación, a Xunta de Galicia pon punto e final a unha extensa programación de máis de 150 accións levadas a cabo durante todo o ano en colaboración coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e demais empresas, entidades e concellos que quixeron formar parte da homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán.

‘Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán’ forma parte da colección Cadernos Ramón Piñeiro que reúne máis dunha vintena de artigos nos que se analiza en profundidade e vida e obra do escritor valdeorrés.

Os ensaios integrados no libro tratan moitos dos principais temas e motivos da biobibliografía do autor, como breves corpus epistolares, a súa relación co Partido Galeguista e Galeuzca, coa Real Academia Galega ou coa lírica de Cabanillas. Así mesmo, analízanse as influencias poéticas de Amado Carballo na súa escrita ou a súa obra como tradutor, entre outras tantas realidades abordadas con diferentes enfoques e tratamentos.

A nómina completa dos colaboradores deste caderno inclúe a Ana Acuña Trabazo, Patricia Arias Chachero, Xosé Manuel Dasilva, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Antón Dobao, X. Carlos Domínguez Alberte, Xosé Estévez, Noelia Estévez Rionegro, Víctor F. Freixanes, Camilo F. Valdehorras, Xosé González Martínez, Bieito Iglesias, Emilio Xosé Ínsua, María Xesús Lama, Xurxo Martínez González, Xosé L. Pastoriza Rozas, Xulio Prada Rodríguez, Claudio Rodríguez Fer, Séchu Sende, José Manuel Vélez Latorre, Malores Villanueva Gesteira, Miro Villar e Ioana Vladu. A ilustración de cuberta débese ao pintor e poeta Xurxo Alonso.

Artigos relacionados

Back to top button