CulturaCulturaÚltima hora

Vasillas dunha posible liturxia funeraria

A cista da Forxa (Vilariño das Touzas, Riós), “Peza do mes” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Vasilla da Idade do Bronce da Cista da Forxa (Vilariño das Touzas, Riós)./ Foto: Museo Arqueolóxico de Ourense. Autor: Fernando del Río.
Vasilla da Idade do Bronce da Cista da Forxa (Vilariño das Touzas, Riós)./ Foto: Museo Arqueolóxico de Ourense. Autor: Fernando del Río.

A sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense) acollerá o 10 de setembro ás 20:00 h. a presentación da “Peza do mes” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Trátase da cista da Forxa da Idade do Bronce de Vilariño das Touzas (Riós) e do seu enxoval. Estes restos arqueolóxicos saían á luz de maneira casual durante a realización duns traballos agrícolas no outono de 1995.

A cista presentaba forma rectangular, cunhas dimensións de 1,50 m por 0,90 m x 0,60 m de profundidade, e orientación L-W. Estaba “formada por catro lousas de xisto, tapada con, polo menos, dúas lousas do mesmo material; probablemente sexa unha cista de inhumación e, dada as dimensións, o cadáver tería que estar en posición flexionada. Estaba construída sobre un foso escavado directamente no substrato mineral segundo Méndez Fernández e, posiblemente, sen estruturas superpostas que deixasen pegadas na paisaxe”, indica Ana María Veiga Romero na publicación editada polo museo sobre esta peza.

No seu interior localizáronse restos cerámicos que formaban parte de catro recipientes diferentes, “pero de formas semellantes. Cunha capacidade que oscila entre 0,19 e 1,2 litros. Os catro teñen un perfil troncocónico, o fondo plano
e o ángulo do arrinque do corpo redondeado; as paredes do corpo son oblicuas ao exterior e rematan nun bordo aberto de beizos redondeados. Quizabes os catro tiñan asa, aínda que só a conservan dous delas”, segundo Veiga Romero, quen será ademais a encargada de realizar a presentación desta cista o vindeiro mércores.

Entre as peculiaridades destas vasillas, feitas cunha pasta na que o principal mineral é o cuarzo, está o seu contido. Así no seu interior descubriuse “abundante materia orgánica carbonizada que podería indicar unha mesma funcionalidade para os catro recipientes, en opinión da doutora Pilar Prieto”, tal e como se recolle na citada publicación do museo ourensán.

As análises dos restos de dous deses recipientes revelan a presenza de “oxalato, amidóns afectados polo malteado e ataques encimáticos, fermentos, fitolitos de cereais que se interpretan como cervexa, polo que nos encontramos cos recipientes más antigos de Galicia con contido de esta bebida”, sinala Veiga Romero. Isto fai pensar aos investigadores no posible uso destas vasillas no ritual dunha liturxia funeraria. Sobre os detalles desta cista funeraria afondarase na presentación do vindeiro día 10 en Ourense.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button