O proxecto Interlumes, que permitirá a posta en funcionamento da primeira base transfronteiriza de medios aéreos para a loita contra os lumes forestais e que contará cun investimento total que superará os nove millóns de euros, presentábase esta mañá nun acto en Verín que contaba coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o conselleiro do Medio Rural, José González; o delegado da Xunta na provincia, así como os alcaldes deste distrito forestal, entre eles o de Verín e outros concellos próximos como Viana do Bolo, Vilariño de Conso ou A Mezquita. Tamén acudía o vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, Beraldino Pinto.
Esta instalación situarase en Verín e permitirá dar unha mellor e máis adecuada resposta ao risco nunha ampla área a ambos lados da fronteira entre España e Portugal, tanto pola súa localización como polas súas posibilidades de acoller diferentes tipos de aeronaves especializadas.
Este proxecto aprobouse o pasado día 25 de marzo tras a reunión do comité de xestión do Poctep (programa Interreg VA España-Portugal), cuxa coordinación en Galicia corresponde á Vicepresidencia primeira da Xunta. A iniciativa ten como beneficiario principal á Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, cuxo titular, Manuel Rodríguez, tamén participou no acto, así como o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo.
Deste proxecto tamén forman parte o Goberno portugués e outras institucións galegas e de Castela e León e Estremadura, tales como os respectivos gobernos autonómicos de ambas comunidades e as deputacións de Zamora, Salamanca, Ourense e Pontevedra.
A presentación abríaa o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, que lle desexaba moitos éxitos a este proxecto transfronteirizo. Deseguido tomaba a palabra o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, quen resaltaba a relevancia deste acto “para o presente e para o futuro” e indicaba que Interlumes é un proxecto interrexional de cooperación transfronteiriza con 8 socios e referíase aos obxectivos desta iniciativa, entre eles o da formación.
Ademais resaltaba a singularidade da base que se vai construír en Verín e a súa ubicación estratétixa, indicando que suporá “un antes e un despois para esta provincia”.
Neste acto, o vicepresidente primeiro recordou que “o lume non entende de fronteiras” e que os incendios que nos últimos anos castigaron os recursos naturais dunha área que conta con espazos protexidos obrigaban a poñer en marcha actuacións “conxuntas e enérxicas” que se materializaron no proxecto Interlumes, froito da colaboración entre distintas Administracións dos dous países.
Alfonso Rueda subliñou que o plan de defensa contra os incendios na fronteira hispano-lusa é unha proba máis do compromiso da Xunta coa Eurorrexión, como quedou demostrado recentemente na presentación dos proxectos cos que o Goberno galego concorre aos fondos Next Generation, que inclúen once iniciativas, por un importe de case 29 millóns de euros, para impulsar e mellorar as comunicacións entre Galicia e o norte de Portugal, tanto no plano das infraestruturas como nas relacións económicas e nas iniciativas turísticas, especialmente as vencelladas ao Camiño de Santiago e ao Xacobeo.
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural salientou a magnitude da iniciativa e a colaboración institucional que a fixo posible. Nesta liña, trasladou que a construción desta base traducirase na axilización da resposta e no aumento da eficacia na loita contra os incendios que se rexistren na fronteira hispano-lusa. Ademais, redundará tamén na mitigación dun problema que “ambos territorios coñecen e combaten”, remarcou.
José González relacionou esta iniciativa directamente coa prevención, na medida en que facilitará unha anticipación aos lumes e “contar cos medios necesarios para cada lugar e cada momento”. Así mesmo, destacou que estas instalacións aumentarán a resiliencia do territorio transfronteirizo, reforzando a capacidade operativa de resposta, avanzando no estudo dun mando operativo único para a xestión conxunta, identificando con tempo dabondo os riscos da zona, sensibilizando á poboación e promovendo a formación especializada.
Neste sentido, o conselleiro vinculou esta iniciativa co futuro Centro integral para a loita contra o lume, que se situará tamén na provincia ourensá, concretamente no concello de Toén, e que será terá por obxectivo centralizar nun mesmo punto a formación do persoal dedicado á loita contra os lumes forestais. Así, será un centro permanente para a cooperación, a investigación e a formación continua do que poderán beneficiarse bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios.
Na mesma liña, o titular de Medio Rural incidiu no feito de que este proxecto se enmarca, en Galicia, coa visión que ten a Xunta respecto da prevención, tanto de carácter estrutural -mediante a planificación e ordenación do territorio e a recuperación da actividade agrícola e gandeira en terras abandonadas- como vencellada á protección das aldeas -co reforzo da limpeza en franxas perimetrais- e coa posta en marcha de actividade agrogandeira nelas. E mencionou, neste sentido, a aprobación -prevista para o vindeiro mes- da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que, dixo, “dotará á nosa comunidade de ferramentas normativas para este mesmo fin”.
Por último, o conselleiro insistiu en poñer en valor a “actitude, a profesionalidade e a incrible coordinación” dos profesionais que loitan contra o lume e sinalou que este proxecto Interlumes supón unha mellora de recursos para un servizo “público, único e versátil”.
Características do proxecto
Esta base caracterizarase pola súa adecuación a aeronaves especializadas en extinción, tanto avións de carga en terra como helicópteros e, incluso, avións anfibios, polo que estará dotada con distintos tipos de depósitos de carga en terra.
A base, con categoría 2 de aeródromo, contará cunha superficie de 23 hectáreas e estará dotada dunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie acondicionada. En cada extremo da plataforma de rodadura instalaranse balizas luminosas e haberá un hangar con capacidade para seis avionetas de carga en terra.
Así mesmo, ademais dunha construción duns 300 m² con estancias individuais para a tripulación, a base estará dotada de tanques de combustible cunha capacidade mínima de 40.000 litros. Tamén contará cunha motobomba para un caudal mínimo superior a 350 lts/min. Ademais, haberá equipos de extinción compostos por tres depósitos de auga e unha rede de hidrantes (bocas de incendio).