EconomíaEconomíaÚltima hora

Verín convértese nun parque acuático coa campaña “Móllate polo comecio” do CCU Aever

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participaba hoxe na campaña

 

Nos actos da campaña “Móllate polo comercio”, apoiada pola Xunta e organizada por CCU Aever Verín, (a integración do Centro Comercial Urbano de Verín na Asociación de Empresarios e Empresarias desta localidade ourensá) participaba esta tarde o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.

O director xeral valoraba a aposta por converter Verín nun parque acuático por un día co obxecto de atraer ás familias e a todo tipo de públicos ao tempo que se incentiva a mobilidade dos clientes polas rúas comerciais e, en consecuencia, as vendas no comercio local. A finalidade última, asegurou, debe ser concienciar á clientela da importancia de apostar polas compras de proximidade, que non só garanten produtos de máxima confianza e calidade, senón tamén o mantemento do tecido produtivo local que xera riqueza e vertebra o territorio.

O Goberno galego apoia a campaña “Móllate polo comercio” de Verín no marco dunha achega próxima aos 50.000 euros destinada á asociación empresarial do municipio dentro da convocatoria para a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos, á que este ano se destinan en total 2,25 millóns de euros.

Con estas achegas, fináncianse actuacións de dinamización comercial, fidelización de clientela, dixitalización ou para o mantemento da unidade xerencial. Grazas á aportación da Xunta, os beneficiarios teñen a oportunidade de financiar gastos derivados de campañas de dinamización, feiras de oportunidades ou eventos de promoción comercial. Tamén descontos de aparcamentos vencellados coas vendas, envíos en liña, mantemento de marketplaces, ou de desenvolvemento de apps de fidelización.

Comercio circular

O director xeral aproveitou para lembrar outra convocatoria aberta desde esta mesma semana: a de comercio circular cuxas axudas por 1,2 millóns de euros se poden solicitar deica o próximo 13 de setembro. En concreto, están orientadas a potenciar a transformación sostible dos sectores comercial e artesán, así como impulsar as pemes e autónomos do sector téxtil a través de novos programas específicos.

A convocatoria está dirixida a comerciantes retallistas con tenda física e obradoiros artesáns, asociacións de comerciantes, así como pemes e persoas autónomas do sector téxtil, dedicadas ao deseño, produción e venda de prendas de vestir, calzado e complementos.

Máis información

A Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER) pon en marcha a campaña de verán “Móllate polo comercio”

Back to top button