ConcellosÚltima horaVerín

Verín retomará a programación cultural presencial en xullo

Incluirá dúas sesións de cine ao aire libre, un concerto e unha emotiva homenaxe

Evento no Auditorio Municipal co protocolo de seguridade./ Foto: Concello de Verín.

 

Despois de varios meses con ausencia dunha axenda cultural por mor da situación sanitaria provocada polo Covid-19, a concellería de Cultura e Festexos do Concello de Verín retoma en xullo a primeira programación Cultural presencial con dúas sesións de cinema ao aire libre, un concerto e unha emotiva homenaxe.

“A partir do mes de xullo, a veciñanza de Verín volverá gozar dunha atractiva programación de lecer cultural, con propostas para todos os públicos. Tras este parón obrigado, a nosa intención é retomar a nosa axenda presencial apostando sempre pola cultura segura adoptando todas as medidas ditadas polas autoridades sanitarias nos eventos”, tal e como afirma a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza Basalo.

As entradas para as sesións de cinema estarán dispoñibles, por 5 euros, en www.ataquilla.com mentres que as localidades para o concerto e para a homenaxe serán gratuítas, sendo necesario para este último realizar unha reserva anticipada no propio auditorio.

O sábado 3 de xullo, ás 12:00 horas, o Auditorio Municipal será o escenario dunha homenaxe moi especial organizada pola Biblioteca de Verín. Baixo o nome de “40+1 – Aniversario de Extraños en el escaparate de Jaime Noguerol”, Verín rende homenaxe a esta obra do ilustre verinés, editada por Juan Luís Recio (editorial La Banda de Moebius), e que logo daría paso ao famoso disco de Miguel Ríos. «Le quitaron al futuro su antifaz de cielo», así comeza a obra que ilustra o gran CEESEPE e onde o Noguerol compón a literatura underground dos oitenta madrileños. A presentación do acto correrá a cargo de Antonino Nieto.

Tamén o sábado, ás 22:30 horas, o aparcamento libre da Preguiza acollerá a primeira das sesións de cinema ao aire libre coa comedia galega Cuñados, opera prima de Toño López que trata sobre as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado.

O sábado 10 de xullo, ás 21 horas, a Praza García Barbón será o escenario do concerto “The Show Must Go On” interpretado pola Agrupación Musical da Limia, quen farán un percorrido pola historia da música nacional, latina e internacional: Alaska y Dinarama, Queen, Europe, ABBA… Sen deixar de lado as súas orixes, incluíndo temas populares e tradicionais galegos. Ademais, como parte da actuación, realízase unha performance do conxuro da queimada.

Por último, o sábado 17 de xullo, proxectarase na Preguiza – tamén ás 22:30 horas- a película “Las Niñas” dirixida por Pilar Palomero. Un retrato da xeración das mulleres de hoxe, debuxado a través da educación que recibiron a principios dos 90 en España. Goya á Mellor Película.

Artigos relacionados

Back to top button