ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Viana despide a Jerónimo Domínguez “Minas”, un emprendedor e un defensor das tradicións

Jerónimo Domínguez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A comarca de Viana do Bolo vén de darlle o seu último adeus a Jerónimo Domínguez Fernández “Minas”, veciño de Punxeiro (Viana). Era unha persoa moi coñecida e querida nesta zona, a onde regresaba e se asentaba coa súa familia, tras pasar un tempo na emigración en Europa e despois e Xirona.

Natural de Santa Cruz (O Bolo), era o pequeno de cinco irmáns. Estaba casado con Otilia Couso e era pai de dous fillos, Roberto e Jorge, e era unha persoa moi emprendedora, dinámica e alegre. Ao seu regreso da emigración poñía en marcha un restaurante e un camping en Augasmansas, nas proximidades das minas romanas de Caldesiños. Os seus fillos incorporábanse tamén ao negocio e logo, tras deixar esa actividade, poñían en marcha outros proxectos empresariais en Viana: un supermercado e unha ferretería.

Minas, como era coñecido popularmente, era un gran defensor das tradicións, de feito era unha das persoas que nunca fallaba no Entroido vianés, era habitual velo acompañando ao fulión de Punxeiro, no desfile por Viana, e tocando a aixada. Tamén colaboraba e axudaba todo o que podía en iniciativas como a Festa da Vendima de Punxeiro, onde podía vérselle amosando o labor tradicional da destilación, no marco desta celebración. Así mesmo respaldaba os seus fillos en iniciativas impulsoras das cultura tradicional como é a Mascarada de Viana do Bolo.

O mércores 13 de decembro, Jerónimo Domínguez falecía aos 85 anos de idade e era despedido, nun multitudinario funeral, o 14 de decembro. Despois era enterrado no cemiterio parroquial de Punxeiro.

Artigos relacionados

Back to top button