ConcellosÚltima hora

Viana do Bolo, Larouco e A Veiga, entre os concellos que contarán con campos de voluntariado

As solicitudes poderán presentarse tamén desde o día 18 mediante un formulario que se habilitará na páxina web de Xuventude

Mozos participantes nun dos campos de voluntariado do Castrillón de Larouco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A campaña de verán da Xunta ofertará neste 2023 máis de 11.200 prazas en campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras propostas, 400 máis que o ano pasado, sendo Galicia a Comunidade Autónoma que máis prazas oferta. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, deu a coñecer hoxe a nova programación estival no campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son, onde salientou que se trata dunha oferta ampla, variada e accesible, para que a xuventude galega teña un verán inesquecible.

Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, concretou que entre as novidades desta edición, que leva por título ‘O verán que sempre vas lembrar’, está a incorporación dun novo campamento na Illa de San Simón, en Redondela. Tamén destacou a creación de novos campos de voluntariado en Santa Comba, Viana do Bolo, Pantón e outro compartido entre os concellos de Vilar de Santos e Allariz; así como un campo de voluntariado específico para mozos galegos no exterior en Castro de Rei. Así mesmo, recupéranse os intercambios con Madrid e Cantabria, ademais de crear un novo en Castela-A Mancha.

A conselleira destacou que a Xunta segue a apostar pola campaña de verán para que as mozas e mozos de entre os 9 e os 30 anos pasen un verán inesquecible e para que as familias conten cun recurso de conciliación fundamental durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro. Con este fin, a Xunta pon a disposición da xente nova un total de 36 instalacións xuvenís por toda a xeografía galega para levar a cabo as diferentes actividades de ocio e tempo libre dos campamentos.

As familias poden consultar na páxina web de Xuventude toda a información sobre os campamentos. O período para solicitar praza abrirase o vindeiro 18 de abril, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Estas deberán realizarse por sede electrónica e o prazo permanecerá aberto durante dez días.

Campos de voluntariado

Por outra banda, a Xunta ten listo tamén o programa de campos de voluntariado. En total ofreceranse 46 campos de voluntariado, incluídas as cinco quendas en Cíes. As solicitudes poderán presentarse tamén desde o día 18 mediante un formulario que se habilitará na páxina web de Xuventude.

Por provincias, a localización e nome dos campos de voluntariado é a seguinte. Na da Coruña haberá trece: Vilarbó (As Pontes); ‘Lembrando a nosa pegada’ (Outes); ‘Alí, Xaz’ (Ponteceso); ‘Luces de Boimorto’ (Boimorto); ‘O batán do Mezonzo’ (Vilasantar); ‘Arboretum’ (Mesía); ‘Dunas de Corrubedo’ (Ribeira); ‘Monte da Espenuca’ (Coirós); ‘Amicos’ (Boiro); ‘Castro de Lupario’ (Rois); ‘Visualizando Camiños’ (Boqueixón e Vedra); ‘Castro de Montesclaros’ (A Laracha) e ‘A Braña da Serra’ (Santa Comba).

Na provincia de Lugo, desenvolveranse oito campos de voluntariado en Castro da Torre (Folgoso do Courel); Castro da Guitarra (Pantón), Pena Furada (Quiroga); ‘Xuventude é Camiño’ (Palas de Rei); ‘Friulio’ (Friol); ‘Da auga e da pedra’ (Guitiriz); ‘Castro e Romaría de San Lourenzo’ (A Pobra do Brollón); e ‘Castro de Viladonga’ (Castro de Rei).

Na provincia de Ourense, terán lugar once campos: Esgos; ‘Teatro do Bibei’ (Viana do Bolo); ‘Loñoá’ (O Pereiro de Aguiar); Larouco; Castelo de Monterrei (Monterrei); ‘Do audiovisual galego’ (Celanova); Parque natural do Xurés (Muiños); ‘Sapere Aude’ (Vilar de Santos e Allariz); ‘Saberes de onte e de sempre’ (Bande); ‘Destino Vilariño’ (Vilariño de Conso); e ‘Recuperando o tempo esquecido’ (A Veiga).

E na provincia de Pontevedra celebraranse catorce campos de voluntariado: ‘Ruta de Palacios’ (O Porriño); ‘Aldea Alfacuca’ (Mos); ‘O Camiño Portugués pola costa’ (Oia); ‘Tradición en verde’ (Lalín); ‘Shinrin Yoku’ (Soutomaior); ‘Salvemos o mar’ (Vilanova de Arousa); ‘Rural influencers’ (Cerdedo-Cotobade); ‘A terra que habita o mar’ (O Grove); Illa de San Simón (Redondela); e as cinco quendas en Cíes.

As temáticas dos campos de voluntariado son moi diversas: medioambiental, arqueolóxico e patrimonial, social, cultural, etnográfico, audiovisual ou teatral, entre outras.

Artigos relacionados

Back to top button