EconomíaEconomíaÚltima hora

ViaTextil axudará a empresas do sector a crecer e innovar

O período para inscribir proxectos nesta aceleradora está aberto ata o 28 de outubro

 

Non importa o tamaño ou a natureza da empresa téxtil que estea interesada en innovar da man dun referente en Galicia neste sector como a ourensá Roberto Verino. Iso si, fai falta investir tempo e ter ganas de aprender e adquirir ferramentas para afrontar os retos dun sector que se enfronta a cambios e ameazas nestes tempos, como a crise e a transformación nos hábitos de consumo.

VíaTextil é unha aceleradora deseñada para promover, acelerar e aumentar a probabilidade de éxito no proceso de innovación das empresas galegas neste sector a través do asesoramento ás empresas participantes, para que poidan adaptarse a novas tecnoloxías e adoptar as ferramentas necesarias que lle permitan transitar por estes cambios con garantía de éxito.
A formulación dos 7 meses que durará este proxecto foi explicado esta mañá por Doura Casal, directora executiva de Roberto Verino, e Paqui García, responsable de VíaTextil na Zona Franca, que estiveron acompañadas na presentación pola presidenta da CEO, Marisol Novoa, quen desexou á iniciativa o mellor dos éxitos ‘nestes tempos en que as empresas necesitan toda a axuda e impulso posible para innovar e superar os obstáculos desta época tan complicada.’

Casal explicou que non existe custo de inscrición -algo que se pode facer ata o 28 deste mes de outubro- pero si é necesario investir tempo para lograr resultados, así como acudir unha tarde cada quince días a unha sesión presencial na sede de Zona Franca en Vigo. Casal explicou igualmente que a selección dos participantes realizarase por un equipo avaliador e experimentado no sector, e ao longo dos meses de duración da aceleradora os e as participantes asistirán a talleres e formación práctica da man de relatoras de primeiro nivel do sector, para aprender aspectos estratéxicos e de actualidade relacionados coas empresas téxtiles, de moda e de innovación.

Pola súa banda, Paqui García, responsable do proxecto desde a Zona Franca, introduciu a actividade desta institución pública en beneficio do tecido empresarial e a creación de emprego; e destacou outras aceleradoras postas en marcha en sectores como o marítimo, o vitivinícola ou o cultural. Ademais, levan a cabo outras iniciativas para fomentar o emprendemento ou a internacionalización das empresas.

Artigos relacionados

Back to top button