EconomíaEconomíaÚltima hora

Viaxe de familiarización de empresas de turismo de natureza ao Xeodestino Trevinca-Valdeorras

Dentro desta actividade organizouse un encontro cos servizos turísticos públicos e privados que operan neste xeodestino

 

O Xeodestino Trevinca-Valdeorras acolle nesta semana unha viaxe de familiarización de empresas especializadas en turismo de natureza. No marco da mesma, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, organizaba esta tarde ás 19h. en Éntoma (O Barco) un encontro para que os servizos turísticos -privados e públicos- que operan nos concellos deste xeodestino presentasen a súa oferta ás axencias especializadas.

Esta acción, que se desenvolvía na Aula de Cata de Bodegas Roandi (Éntoma), está incluída no convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, e nela contábase coa presenza da xerente do Inorde, Enma González.

O obxectivo desta actuación é continuar a xerar notoriedade do xeodestino e impulsar a súa presenza nas canles de comercialización, tal e como se acordou na reunión mantida cos rexedores locais para definir o Plan de Acción a desenvolver este ano.

Durante esta viaxe, as empresas turísticas Espiritu Nature, Destinos en pareja, Btq Eventos, Otros Destinos, Naturalistee Ecotono, visitarán lugares como o Parque Natural de Serra de Enciña da Lastra (Rubiá), o Teixadal de Casaio (Carballeda de Valdeorras), e as Montañas de Trevinca.

Terán a oportunidade de vivir experiencias como aloxarse no Hotel máis alto de Galicia (Hotel Pena Trevinca, pertencente ao complexo municipal de Carballeda de Valdeorras), en casas de turismo rural do Concello de A Veiga ou coñecer lugares da man de guías de montaña e turismo activo que operan no territorio.

O xeodestino “Trevinca-Valdeorras” está integrado polos concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button