OurenseÚltima hora

Viaxe por Ourense dos alumnos do instituto Santiago Apóstol de Bos Aires

Están a realizar unha visita de estudos por Galicia para coñecer as raíces dos seus devanceiros
Os alumnos do insituto Santiago Apóstol, visitando a Casa Museo de Otero Pedrayo./ Foto: Fundación Otero Pedrayo.
Os alumnos do insituto Santiago Apóstol, visitando a Casa Museo de Otero Pedrayo./ Foto: Fundación Otero Pedrayo.

A Fundación Otero Pedrayo en Trasalba, a vila do Carballiño, o Mosteiro de Oseira e a Insua dos Poetas, en Madarnás ou a cidade de Ourense. Son algúns dos lugares que veñen de percorrer un grupo de alumnos do instituto arxentino-galego “Santiago Apóstol” de Bos Aires na súa viaxe de estudos por Galicia. Nela, a promoción 2014 deste centro formativo busca coñecer as raíces dos seus devanceiros, así como a actual realidade social e cultural da comunidade autónoma.

Este rapaces, de entre 17 e 18 anos, levan catro cursos estudando lingua, literatura, xeografía e historia de Galicia. E nunha das paradas deste percorrido puideron coñecer a casa onde residiu un persoeiro de referencia da literatura galega: Otero Pedrayo. Así foron á súa Casa Museo e alí foron recibidos poloa profesores Patricia Arias Chachero e Afonso Vázquez Monxardín, que lles explicaron algunhas das conexións entre o escritor e a cultura arxentina.

Faláronlles do mapa de Domingo Fontán que o escritor regalou ao Centro Galego de Buenos Aires no ano 1947 e que continúa colgado nos corredores da institución, da cerámica da Magdalena que Isaac Díaz Pardo fundou en Arxentina antes de crear Sargadelos ou da especial relación que Otero Pedrayo mantivo con Castelao, segundo se informa dende a Fundación Otero Pedrayo. Ademais, a guía da Casa Grande, Susana González, deulles detalladas explicacións sobre a vida e da obra do escritor ourensán.

No decurso desta visista achegábanse tamén a institucións como a Deputación de Ourense. Así na mañá do 10 de setembro, os estudantes, acompañados polo presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar; eran recibidos no Salón de Plenos polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, quen lles explicou o desenvolvemento e o labor que realiza o organismo provincial.

Visita de alumnos do instituto Santiago Apóstol de Bos Aires á Deputación de Ourense.
Visita de alumnos do instituto Santiago Apóstol de Bos Aires á Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button