Un salón estritamente profesional, que reúne aos representantes das adegas das cinco denominacións de orixe galegas (Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas) e a compradores nacionais e internacionais para planificar a venda do viño galego nos diferentes mercados. Así é Vinis Terrae, un certame que nesta primavera celebrará a súa sétima edición en Expourense.
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, veñen de manter nunha xuntanza de traballo na que perfilaron as liñas de cooperación para desenvolver este salón de viños e licores galegos.
Ambos coincidían en valorar a importancia deste certame como punto de encontro de adegueiros e comercializadores. En “Vinis Terrae” 2017 tamén participarán industrias e cooperativas das indicacións xeográficas protexidas de viños da terra (Barbanza e Iria, Terra de Betanzos e Val do Miño-Ourense), así como elaboradores e envasadores de augardentes e licores tradicionais de Galicia. No eido da distribución e a hostalería, está prevista a presenza de representantes de diferentes comunidades autónomas españolas e de máis de 15 países, así como prensa especializada.
Ademais de traballar neste centro de negocios, os asistentes ao certame tamén disporán dun amplo abano de actividades relacionados co viño e coa cidade de Ourense, especialmente pensadas para coñecer de primeira man as características doas elaboracións galegas, as instalacións das adegas e a situación actual do sector. Así, haberá catas comentadas, un túnel do viño, maridaxes, conferencias, visitas a adegas e percorridos guiados polo casco histórico de Ourense e os seus baños termais.