En portadaÚltima hora

VIII Andaina de Manzaneda e I Trail, o 8 de outubro dende San Miguel

A proba inclúe unha camiñata e un trail curtos de 16 m ademais dunha andaina e un trail longos de 19 km de dificultade media

 

Un dos tramos polos que pasará tanto a andaina como o trail de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

Paraxes de verdes suntuosos, serra aberta ou regatos. Destas estampas poderán gozar os participantes na VIII Andaina de Manzaneda (AdeM) e I Trail, previstos para o 8 de outubro. A diferenza da pasada edición, San Miguel será o punto de partida das probas, un total de catro e de dificultade media: unha andaina e un trail curtos de 16 km, xunto cunha andaina e un trail longos de 19 km. Nelas seguiranse vellos vieiros que décadas atrás conectaban os diferentes pobos.

Os primeiros en tomar a saída dende o Campo do Penso serán os camiñantes. Farano ás nove da mañá do 8 de outubro. Unha hora despois, ás dez, será o turno dos corredores. Andaina e trail terán os mesmos percorridos. “Partindo de San Miguel irán cara a aldea de Placín, para logo dirixirse á de Requeixo, dende onde terán que seguir polo camiño vello que unía este lugar coa aldea abandonada de Prada, cruzando o río Requeixo ata onde comeza o antigo carroucho, que leva á paraxe de Gustufrío e a Cernado. Logo continuarán por Bidueira, seguindo o carreiro que une Cernado con Reigada”, tal e como adianta a organización, en mans do Concello de Manzaneda. Ao longo do traxecto estableceranse puntos de avituallamento e controis de paso.

Estímase que a proba podería rematar en torno ás 14:30h. no mesmo punto de saída, San Miguel. Despois está previsto un xantar popular para os participantes no polideportivo de Manzaneda e un sorteo de agasallos doados por diferentes empresas da zona.
As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 5 de outubro nas webs www.avaibooksports.com e www.concellodemanzaneda.gal. Para participar será necesario abonar un donativo á participación de 10 euros. Na organización desta andaina e trail colaboran a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Manzaneda, a Asociación Cultural Porco Celta e a Asociación de Mulleres Algueirada.

Artigos relacionados

Back to top button