DeportesÚltima hora

A VIII “Ruta dos Castros” fará un percorrido pola historia de Cualedro

A proba terá lugar o vindeiro domingo, 14 de maio
Amaya Álvarez, Rosendo Fernández, Luciano Rivero e Eduardo Castro.

O Concello de Cualedro acollerá o vindeiro domingo, 14 de maio, a VIII “Ruta dos Castros”, unha andaina pola historia do municipio cun percorrido de 16 quilómetros polos lugares máis emblemáticos da zona. A presentación desta proba deportiva tivo lugar hoxe, 9 de maio, no Pazo Provincial. Ao acto acudiron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; a presidenta da Asociación de Senderismo Ruta das Augas, Amaya Álvarez; e o colaborador da andaina, Eduardo Castro.

Este evento deportivo discorre polos principais lugares patrimoniais do municipio, “ofrecendo aos participantes a posibilidade de contemplar o cruceiro de Lucenza, a capela de Santa Marta, a mámoa do Madorriño, o Castro da Saceda, a Fonte da Ola ou o Castro de San Millán”, explicou Rosendo Fernández. “Trátase dunha iniciativa que pon en valor a historia do municipio de Cualedro a través dun evento que aúna deporte, saúde e cultura”, engadiu o vicepresidente.

A ruta comezará cara ás nove da mañá na Lucenza e rematará en “San Millán-Escola” despois de percorrer 16 quilómetros “de camiños de terra, fundamentalmente, que converten a esta andaina nun paseo familiar e de baixa dificultade”, dixo a presidenta da Asociación de Senderismo Rutas das Aguas, Amaya Álvarez.

Pola súa banda, o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, explicou que esta andaina pretende “dar a coñecer os nosos recursos turísticos, pois contamos con máis de 40 xacementos arqueolóxicos, así como incentivar o comercio local e fomentar o deporte”. Asemade, Rivero destacou que a ruta pasará por lugares tan emblemáticos como o Castro da Salceda, “o único que ten a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) na provincia de Ourense”, dixo o alcalde.

Os interesados en participar poderán anotarse ata o mesmo día da proba sendo a participación na andaina gratuíta. “Ata o momento contamos con 150 inscritos, aínda que esperamos que a cifra aumente de aquí ao domingo”, dixo Luciano Rivero.

Artigos relacionados

Back to top button