ConcellosÚltima horaVilamartín

Vilamartín acollerá este domingo a presentación dunha antoloxía poética de Florencio Delgado Gurriarán

O acto será no Centro Social Santa Lucía e estará precedida dun roteiro arqueolóxico pola vila guiado por José Fernández

 

Apenas cinco días despois de acoller a presentación do proxecto educativo da RAG ‘A primavera das Letras’, o concello de Vilamartín de Valdeorras vivirá unha nova xornada en torno ao poeta de Córgomo.

O domingo 27 de marzo preséntase o libro Florencio Delgado Gurriarán. Unha antoloxía poética. A obra, publicada pola Editorial Galaxia, é unha selección de poemas realizada por Margarida Pizcueta e Débora Álvarez, impulsoras do proxecto As Letras de Florencio, e que inclúe un prólogo de Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega que acompañará Margarida e Débora no acto. Esta nova antoloxía foi concebida “para achegar a obra de Florencio a todos os públicos, incluíndo a súa faceta de tradutor, e na súa presentación estarán tamén Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, e Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses.

A presentación do libro será ás 12:30 horas no Centro Social Santa Lucía e previamente farase un roteiro arqueolóxico por algúns dos vestixios históricos que se atopan nos arredores de Vilamartín. Guiado por José Fernández, presidente da Sección de Arqueoloxía do IEV, o roteiro partirá as 11 da mañá do CEIP Manuel Folla Respino dende onde se camiñará ata os restos dunha explotación aurífera de época romana que se atopa en Valdegodos e despois ata os petróglifos do Bosque.

 

Artigos relacionados

Back to top button