
Ao longo de cinco días, do 19 ao 23 de abril, Vilamartín celebrará cun completo e variado programa de actos as súas festas patronais na honra de San Xurxo. Porase en marcha ademais coincidindo co Venres Santo, 19 de abril, cun parque infantil que se instalará na praza José Luis Núñez entre as 17:30h. e as 19:30h. En caso de que o tempo non acompañe, o parque trasladaríase a outra zona a cuberto.
E nesa mesma praza, pero a partires das 23h., unha discomóbil animará o ambiente. Xa o sábado 20 de abril ás 18:30h. na praza José Luis Núñez poderá asistirse a un espectáculo de maxia e humor da man do Mago Carlos. Despois, ás 21:30h. darase paso á música co grupo Claxxon, que volverá a actuar na verbena a partires das 00:45h. Na mañá do domingo 21 de abril un grupo musical dará un pasarrúas por Vilamartín para ir animando a xornada, na que tamén se espera que haxa procesión e misa ata A Rodeleira. Ademais haberá unha exposición de vehículos clásicos ao mediodía.
Pola tarde haberá unha representación teatral a cargo de Teatro A Ruada, da Rúa. Porase en escena a obra “A voda do Esganarello” ás 18h. no Centro Cultural Santa Lucía da vila. Trátase dunha peza de Moliére, adaptada por Teatro A Ruada e pensada para todos os públicos. Despois da función, Vilamartín poderá bailar ás oito ao ritmo da orquestra Marbella na praza.
A música será ademais o referente central da xornada do 22 de abril, coa actuación do Trío Fussion ás 20:30h. Fará pase de tarde e verbena. O 23 de abril, a data propia do San Xurxo, prevese que haxa unha nova procesión coa imaxe do santo e, logo misa. Despois virá unha sesión vermú amenizada pola orquestra Trébol, que lle porá tamén son á festa pola tarde, dende as 20h.