
Mª José Arias Álvarez, Ana Mª Diéguez Álvarez, Manuel Fernández López, Miguel Ángel Fernández López, Manuel Ángel González Folla, Mª Carmen González García, Mª Teresa González Losada, Mª de los Ángeles López Losada, Manuela López Sotelo, Mª Jesús Losada Núñez, Francisca Simón Rodríguez e José Trincado Vicente. Son os doce nenos de entre seis e catorce anos que falecían ao caer por un terraplén o autobús que os levaba dende Vilamartín de Valdeorras ata A Rúa, nun fatídico día de 1977.

Ese tráxico accidente no que tamén falecía o condutor do autobús, Manuel González Pérez, conmocionou a toda a comarca de Valdeorras “converténdose nun val de bágoas, e dun xeito moi especial aos veciños de Vilamartín e San Miguel, privándonos para sempre de doce sorrisos infantís”. A que fala é Gelines Trincado, directora do CEIP Xosé Manuel Folla Respino e irmá dun dos falecidos, que daba voz aos familiares que na tarde do 19 de abril, data na que se celebraba o corenta anivesario, organizaban un acto conmemorativo para lembrar ás vítimas. “Nuns segundos que nunca deberon existir, perderon a vida os nenos e nenas que como cada día ían felices ao colexio, pero… nunca chegaron”, dixo Gelines diante do monumento ubicado a carón da igrexa parroquial de Vilamartín de Valdeorras (lugar elixido pola maioría dos familiares) in memorian dos doce cativos.

O 19 de abril de 1977 foi sen dúbida a data máis triste da historia do municipio valdeorrés, e as 14:35 a hora á que se parou o reloxo vital dos falecidos e se conxelou parte da vida dos que quedaron. “Xa nada foi igual”, asegurou Gelines, xa que “a morte levonos a moi curta idade, apagando todos os seus soños e ilusións e pasando a vivir con nós, en nós. Eran os nosos irmáns, fillos, amigos, compañeiros… A alma e o futuro deste concello”.


Foi unha traxedia colectiva que a comarca non esquecerá nunca, e moito menos os que dalgún xeito están directa ou directamente implicados. Foron trece os falecidos, pero no autobús que como cada día levaba aos cativos ao colexio na Rúa despois de comer, ían máis de vinte. O resto resultou ferido de maior ou menor consideración e na tarde de hoxe, todos ou case todos, xunto a moitos veciños de toda Valdeorras asistían á ofrenda coa que lles rendían homenaxe, antes de celebrar a misa de aniversario oficiada polo párroco das Ermitas (D. Eladio non pudo asistir por motivos de saúde).



Ninguén destas terras borrará xamais das súa mente o acontecido, unha traxedia que destruíu familias enteiras e, cada ano por estas datas celebran unha misa de aniversario aínda que a de hoxe, 19 de abril de 2017, cos recordos e as emocións a flor de pel e malia o tempo pasado, foi especial. “Sempre seguiredes estando aquí connosco, porque a pegada que deixastes sempre permanecerá nos nosos corazóns”, concluía Gelines. O monumento cos nomes dos cativos así o demostra.



Fotos: Carlos G. Hervella.