ConcellosÚltima horaVilamartín

Vilamartín non se pronunciará sobre o parque eólico “mentres non se realicen todas as consultas pertinentes”

O Concello está elaborando un documento para remitir ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico respecto á apertura do período de consultas da evaluación de impacto ambiental do proxecto

Vista panorámica de Vilamartín de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

En relación á notificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, respecto á apertura do período de consultas da evaluación do impacto ambiental do proxecto “Parque eólico Barjas, de 121 MW, TM: Barjas, Oencia, Trabadelo e Vega de Valcarce (León), O Barco de Valdeorras, Petín e Vilamartín de Valdeorras (Ourense)”, o Concello de Vilamartín de Valdeorras está preparando a súa contestación.

No documento, que remitirán ao Ministerio nos vindeiros días, aseguran que malia entender que “a aposta por enerxías renovables e pouco contaminantes debe ser unha aposta da Administración para tratar de mitigar, entre outros, os efectos do Cambio Climático”, consideran que “este tipo de instalacións non se poden desenvolver de forma acelerada e abordando unicamente a súa implantación para os efectos que se producirían na contorna máis inmediata, senón que debe ser estudado a nivel máis amplo, cunha visión do territorio a maior escala para evitar que este tipo de enerxías acaben producindo danos irreversibles á biodiversidade”.

Por ese motivo, “os estudos de avaliación de impacto ambiental deberían abarcar non só o parque proposto senón tamén os parques existentes e os que estean en fase de estudo a nivel autonómico e das comunidades lindeiras para poder ter así unha visión global”. De feito “o que máis nos preocupa é que non se presente un proxecto global da comarca”, puntualiza o alcalde, Enrique Álvarez Barreiro.

O alcalde explica que a implantación da liña de evacuación ao longo do municipio de Vilamartín de Valdeorras “alteraría a percepción da paisaxe que ten a poboación, ao instalarse unha infraestrutura nun territorio no cal a día de hoxe mantense libre de cableados aéreos”. Un punto que “debe ser convintemente analizado dentro do estudo do impacto ambiental”, engadindo que “consideramos primordial que a veciñanza dos municipios afectados teña unha contraprestación aos inconvintes, como por exemplo uhna baixada económica nos seus consumos enerxéticos, é dicir, na factura da luz mensual”. Ademais “deberán valorarse todas as opcións posibles das instalacións (por exemplo soterralas) non podendo descartarse estas por motivos económicos”.

No documento que está elaborando, o Concello de Vilamartín de Valdeorras asegura que visto que son varias as asociacións, organismos e comunidades científicas que se mostraron reticentes á implantación de parques eólicos nesta comarca, consideran “primordial” que se realice unha consulta a todas as administracióna e organizacións relevantes na defensa do medio ambiente así como a todos os veciños afectados respecto á implantación do parque.

Así pois, dende o Concello “non se realizará un pronunciamento mentres non se teñan realizado todas as consultas pertinentes”.

Artigos relacionados

Back to top button