En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Vilanova (Trives) reta ao frío cunha animada e concorrida Festa do Chourizo

 

En torno ás figuras da Virxe das Candelas (2 de febreiro) e do San Brais (3 de febreiro) e tamén ás fogueiras, se move a Festa do Chourizo de Vilanova, no termo municipal da Pobra de Trives. Unha celebración que conta con máis de cen anos de historia e que neste 2023, tras dous anos sen celebrarse, tiña o seu punto álxido na tardiña do sábado 4 de febreiro.

 

 

Unha boa e moi concorrida festa celebraban onte ao redor das fogueiras preparados polos propios asistentes entre castiñeiros. Cuadrillas de amigos e familias completas chegadas denden diferentes puntos (mesmo había xente de Portugal) reunidas ao aire libre, ao redor do lume, para asar os chourizos e outras viandas como a panceta, sen esquecer a bica acompañada de licores caseiros, imprescindibles para facer fronte ao frío. Onte tamén houbo outras bebidas e tamén pratos máis elaborados, como arroz con bogabante, entre outros a cargo do CD Trives.

 

 

A programación comezaba pola mañá coa andaina organizada polo Club Montaña Trives, con saída dende a praza do Pilón na Pobra de Trives, pasando por Santa María de Trives, Sas, Pena Folenche, San Mamede e Vilanova. Ás 13h. tiña lugar a misa solemne na honra á Virxe das Candeas amenizada polo Orfeón Trives, procesión e sesión vermú coa charanga Nova Trives e xa entre as 17 e as 17:30h. comezaban a prepararse as fogueiras. O apartado musical, corría a cargo o trío Nostalgias e a disco móbil  Bady.

 

 

Hoxe, domingo 5 de xaneiro, tócalle o turno a San Brais. Unha alborada a cargo da charanga Nova Trives espertaba aos veciños e xa pasado o mediodía tiña lugar a procesión e a misa. Á saída, a mesma charanga facía a sesión vermú.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button