Gastronómico, musical, deportivo e relixioso. Son os catro eixes sobre os que xira o programa da Festa do Chourizo de Vilanova, unha celebración con máis de cen anos de historia, que se desenvolve na primeira fin de semana de febreiro.
O primeiro e máis concorrido tiña lugar na tarde-noite deste sábado día 1 cando centos de persoas asistían á xuntanza popular. Unha orixinal cita que reúne a grupos de amigos e tamén familias enteiras á calor das fogueiras, aínda que este ano as temperaturas eran altas para a época.
Os preparativos comezaban a primeira hora da tarde e xa cara a noitiña todos desfrutaron da xuntanza entre os castiñeiros, comendo, bebendo e cantando ao carón das fogueiras nas que pouco a pouco se ían asando os chourizos e a panceta. Entre os asistentes, coma sempre membros do CD Trives que montaban un espectacular posto cun completo menú no que non faltaba a empanada, os embutidos ou a carne ao espeto (cordeiro, churrasco de porco, panceta,…) e venda de camisetas.
O baile da noite corría este ano a cargo do Trío Nostalgias e Dj Bady mais a xornada contaba con moitas máis actividades. Comezaba coa X andaina organizada polo Club de Montaña Trives que levaban aos participantes por unha ruta duns 8,6 quilómetros por terras trivesas (Santa María de Trives, Sas, Pena Folenche e San Mamede) dende a praza do Reloxo ata Vilanova onde degustaban chourizo á grella. Despois tiña lugar a misa solemne na honra da Virxe das Candelas amenizada polo Orfeón Trives coa posterior sesión vermú a cargo da charanga Nova Trives.
A festa continúa hoxe, domingo 2 de febreiro, na honra do San Blas. Haberá pasarrúas coa charanga Nova Trives e misa solemne (13 horas) con procesión e sesión vermú coa mesma charanga.
Fotos: O SIL.