En portadaGalerías de fotosO Sil agosto 2016Última hora

Vilariño enxalza os seus produtos tradicionais e o seu Entroido

A área recreativa do Cenza acollía a I Mostra de Produtos Típicos e Oficios Tradicionais, cuns 25 expositores

Mel, arandos, licores, fariña de castañas, esquilas, doces e unha infinidade de obxectos de artesanía. Eran moitas as propostas que se expoñían e que se poñían á venda no marco da I Mostra de Produtos Típicos e Oficios Tradicionais, que cobraba vida no mediodía do 21 de agosto na área recreativa do Cenza en Vilariño de Conso, ao ritmo da banda de gaitas deste municipio. Tamén podía contemplarse unha impresionante mostra de navallas de Benigno Basteiro.

Numerosas persoas percorrían o recinto feiral, que incluía tamén un amplo expositor dedicado a unha das tradicións máis senlleiras de Vilariño: o seu Entroido tradicional. Ao mediodía no mesmo recinto da mostra compartíase un xantar-degustación a base de produtos gastronómicos típicos deste municipio de montaña: empanada de Boletus, troita en escabeche, cabrito asado, montonico e postre de castaña, xunto con café, licor, auga e viño.

Ademais ao longo da xornada tiña lugar un campionato de xogos populares e ás oito e media da tarde dábase paso a unha Mostra de Entroido Tradicional coa proxección da foliada do pasado febreiro e mesmo coa saída do folión. En torno ás dez da noite procedíase á clausura da mostra e á entrega dos premios dos xogos populares. Así no caso do xogo da ra (para nenos/as) o primeiro clasificado levaba trofeo máis lambetadas e o segundo trofeo. No xogo dos bolos no apartado de aficionados o primeiro clasificado recibía trofeo máis un doce de montonico, o segundo trofeo máis bica manteigada, e o terceiro trofeo. Na categoría de profesionais o ganador conseguía un trofeo máis un cabrito, o segundo trofeo máis montonico e o terceiro trofeo máis bica manteigada. Finalmente, no xogo da petanca ao vencedor entregabáselle bica manteigada, ao segundo unha botella de licor e ao terceiro un trofeo.

Esta I Mostra de Produtos Típicos e de Oficios Tradicionais ten sido organizada polo Concello de Vilariño de Conso en colaboración coa Asociación Xuntos polo Fulión e co Inorde.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez.
Máis información na edición papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button