ConcellosRubiáÚltima hora

Visita ao CEIP P. Virxe do Camiño de Rubiá da directora xeral de Patrimonio Natural

O Goberno galego edita a colección de materiais "Flora endémica ameazada de Galicia" para divulgar a gran beleza destas especies, que se caracterizan por presentar un rango xeográfico reducido e só crecen en determinados tipos de hábitats

 

Na importancia de concienciar ao alumnado da importancia de preservar a flora endémica ameazada da Comunidade incidía a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a visita que realizou ao CEIP Virxe do Camiño, en Rubiá, con motivo do Día internacional da biodiversidade.

Durante o encontro cos estudantes, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e do alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, a directora xeral fixo fincapé na necesidade de “coidar, valorar e protexer as distintas especies da flora e fauna que habitan no noso territorio”.

Así, para seguir avanzando cara a unha maior concienciación da sociedade sobre a importancia de garantir a preservación da nosa biodiversidade, a Xunta editou unha colección de materiais, que, baixo o título Flora endémica ameazada de Galicia, pretende divulgar a gran beleza destas especies, que se caracterizan por presentar un rango xeográfico reducido e só crecen en determinados tipos de hábitats.

Segundo explicou a directora xeral, para a elaboración deste material divulgativo realizouse unha selección que conforma unha pequena mostra das especies ameazadas ou vulnerables que se poden encontrar no noso territorio. No caso concreto do Parque da Serra da Enciña da Lastra, incluíuse a Petrocoptis grandiflora. Trátase dunha herbácea perenne con tallos ramificados de ata 30 centímetros, pétalos distribuídos de forma asimétrica e irregular e cáliz de cor púrpura.

 

 

A través desta colección a Xunta busca divulgar os valores do patrimonio natural de Galicia e contribuír á promoción da defensa da natureza e dos elementos que a compoñen, “dúas liñas de traballo fundamentais na conservación da nosa biodiversidade”, aseverou Do Campo.

 

 

A maiores, logo de salientar que a diversidade biolóxica é un ben de gran valor para as xeracións presentes e futuras, Do Campo incidiu no traballo que se está a desenvolver no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, que é o espazo protexido que sustenta a mellor representación da vexetación mediterránea de toda Galicia.

Nesa liña, a directora xeral, que tamén se desprazou hoxe a este espazo protexido para visitar algunhas das actuacións desenvolvidas de cara a garantir a preservación da súa biodiversidade, explicou que este parque é un área de “elevada orixinalidade botánica” xa que nela se localizan un gran número de taxons vexetais que están ausentes do resto do territorio galego, ben por tratarse de plantas calcícolas ben polas súas preferencias bioclimáticas termófilas.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button