En portadaSanidadeÚltima horaVídeos

Visita ao HPV do conselleiro de Sanidade, a falta de 3 días para a manifestación

Reuníase cos alcaldes de Valdeorras e despois coa xunta de persoal para explicar as medidas que prevé implementar a consellería para mellorar a situación do hospital

 

A falta de tres días para a manifestación en defensa do Hospital Público de Valdeorras (HPV), convocada pola Xunta de Persoal deste centro para o 28 de novembro, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña desprábase ata O Barco. Así, na mañá deste 25 de novembro convocaba aos alcaldes do Distrito Sanitario de Valdeorras para manter unha reunión con eles. Á xuntanza acudían os rexedores do Barco, A Rúa, Rubiá, Carballeda de Valdeorras, Petín, Larouco e A Veiga, así como o tenente de alcalde de Vilamartín. O conselleiro estaba acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial.

Tras o encontro, o conselleiro de Sanidade facía unhas declaracións asegurando que “vimos de trasladarlle aos alcaldes unha serie de medidas cremos que importantes para mellorar a atención sanitaria nesta comarca, medidas nas que se leva tempo traballando, moitas delas froito de procesos administrativos complexos e longos, como poden ser as obras que están en marcha neste hospital, ou o equipamento que tamén imos anunciarlles agora aos traballadores e, por suposto, a medida máis importante é a dos recursos humanos. Vimos de trasladarlle unha proposta, comprometida con todos os servizos de Traumatoloxía de Galicia, para que o Hospital de Valdeorras teña o número mínimo e imprescindible de traumatólogos para funcionar de xeito ordinario e funcionar de xeito ordinario e saír dunha situación complicada que vimos vivindo tras a última OPE. Esa situación vaise arranxar, hai un compromiso da consellería para que a partir do 1 de xaneiro haxa tres traumatólogos de xeito permanente neste hospital. No mes de decembro xa se vai incorporar un deles, xunto con reforzos que están vindo xa dende o mes de novembro a través dun hospital da zona de Ponferrada”.

Así García Comeseña informaba da sinatura dun convenio cun centro sanitario de Ponferrada (o Hospital de la Reina) para que profesionais do mesmo acudan a pasar consulta ao Hospital Público de Valdeorras, “reforzando deste xeito o servizo para permitir recuperar a actividade demorada neste tempo. En virtude deste acordo, no último mes atendéronse case 400 pacientes de traumatoloxía e máis de 1.000 de rehabilitación”.

Ademais, o conselleiro transmitiu que a Xunta de Galicia está incentivando a cobertura de prazas en hospitais comarcais coma o valdeorrés. Desde 2019, o tempo de servizo nestes hospitais proporciona aos profesional unha puntuación extra nos baremos das ofertas públicas de emprego ou nas listas de contratación. De xeito complementario, desde este 2021, a prestación de servizos en hospitais coma este tamén outorga puntos adicionais para obter un grao máis avanzado na carreira profesional, mellorando así as retribucións do persoal que teña exercido nestes hospitais.

O conselleiro de Sanidade aseguraba que hai un “compromiso da Xunta de Galicia cos hospitais comarcais”. Julio García Comesaña indicaba que os proxectos de obras previstos no Hospital Público de Valdeorras e a citada medida con relación a Traumatoloxía deixan claro “o compromiso da Consellería” co Distrito de Valdeorras e “en particular co seu hospital”.

 

 

García Comesaña sobre a manifestación: “As cousas non se arranxan na rúa”

Con respecto á manifestación convocada para o vindeiro domingo para recuperar os servizos perdidos no Distrito Sanitario de Valdeorras, o conselleiro de Sanidade aseguraba que “as cousas non se arranxan na rúa, arránxanse con proxectos, con orzamentos, con decisións como as que acabamos de trasladar hoxe aquí e ás veces o que se fai na rúa é desprestixiar ou axudar a desprestixiar o sistema sanitario que está agora mesmo dando unha resposta exemplar a unha situación excepcional que nunca vivimos como é a da pandemia. Creo que os profesionais do Barco de Valdeorras ou da Atención Primaria de Valdeorras teñen un comportamento exemplar e saír á rúa para desprestixiar a sanidade pública, supostamente defendéndoa, non creo que sexa a mellor solución. As solucións son as que presentamos hoxe aquí: medidas concretas, equipamentos, traballadores e mecanismos para que os traballadores estean aquí, estean a gusto e poidan desenvolver a súa carreira profesional neste hospital ou en calquera outro que estimen oportuno”.

A valoración dos alcaldes tras o encontro

Tras a reunión co conselleiro, varios alcaldes do PP na comarca anunciaban que se desviculaban da manifestación. Así, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, aseguraba que o conselleiro de Sanidade “trouxo solucións importantes e, polo tanto, estamos contentos”.

Pola súa banda, o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, indicaba que “o primordial é que se leva traballando todos estes meses, nós estamos preocupados por que as cousas funcionen ben, aquí hai unha manipulación do que pasa, a Xunta está traballando para solucionar os problemas”, segundo o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

 

 

 

Alcaldesa de Petín: “O Hospital ten máis deficiencias, non só a do servizo de Traumotoloxía”

Pola súa banda, outros rexedores como a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, do partido socialista, explicaba que mantén a súa postura de apoio á manifestación do vindeiro domingo. “Eu vou seguir apoiando a manifestación. O conselleiro veu a dicir que o servizo de Traumatoloxía ía mellorar, que ían mandar tres traumatólogos, pero eu considero que o hospital non é só iso, que ten máis deficiencias, que a presión fai a forza e por iso vou seguir apoiando a manifestación”.

Alcalde do Barco: “No Hospital queda moito traballo por facer”

De maneira semellante á rexedora de Petín, manifestabáse o alcalde do Barco. “Foi unha reunión informativa e estas reunións sempre están ben. Explicounos as xestións que se fixeron co tema Traumatoloxía, coas obras e investimentos. Todo iso está ben, pero queda moito traballo por facer. Eu trasladeille a gran preocupación que hai entre os cidadáns polo funcionamento do Hospital de Valdeorras. O domingo hai unha manfiestación e cada veciño é libre de facer o que considere oportuno, porque todos sabemos realmente o que hai”.

En breve, ampliarase información.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button