ConcellosÚltima horaVídeosVilamartín

Visita do director xeral de Maiores á residencia Virxe dos Milagros de Valdegodos (Vilamartín)

Estivo acompañado polo presidente da Fundación Valdegodos e polo director deste centro de maiores

 

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, recordou hoxe que a Xunta mantén aberto o prazo para presentar solicitudes á orde de axudas destinada ás entidades de iniciativa social para a construción ou rehabilitación de centros de atención a maiores ou persoas con discapacidade. Fíxoo durante unha visita á residencia de maiores Virxe dos Milagros en Valdegodos (Vilamartín de Valdeorras), na que estivo acompañado polo presidente da Fundación Valdegodos, Miguel Blanco, e do director desta residencia, Félix Pérez.

“Vimos a visitar esta residencie e tamén a recordar que hai unha orde de axudas da Consellería de Política Social con 13 millóns de euros para a rehabilitación, compra de inmobles para entidades de iniciativa social, como podería ser esta entidade no caso de que quixeran facer algún tipo de rehabilitación dentro da residencia”, sinalaba o director xeral de Maiores.

 

 

Acedos engadía que as entidades interesadas en beneficiarse deste programa teñen ata principios do vindeiro mes de outubro para presentar as súas propostas a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. Os requisitos para acollerse publicáronse o pasado 5 de setembro no Diario Oficial de Galicia.

 

O presidente da Fundación Valdegodos, atendendo aos medios, xunto ao director xeral do Maior.

 

O importe máximo destas achegas económicas será de 2 millóns de euros por entidade e o período de realización das actuacións será do 1 de xaneiro do ano 2022 ao 30 de novembro do ano 2025. Entre as actuacións subvencionables están a construción de novos equipamentos, acondicionamento e urbanización de inmobles; a adquisición de terreos, edificacións ou construcións para usos asistenciais; obras de reforma ou a compra e mellora de bens de equipamento precisos para o desenvolvemento da actividade.

 

 

 

Pola súa banda, o presidente da Fundación Valdegodos, Miguel Blanco, comentaba durante a visita que na Residencia Virxe dos Milagros de Valdegodos “no 2017 e 2018 fíxose un investimento de 4 millóns de euros co que reformamos a metade e falta por reformar a outra metade. Para esa nova reforma estamos pendentes destas axudas porque no momento actual non podemos asumila”. Ademais, Blanco adiantaba que a fundación está estudando a instalación de paneis fotovoltaicos a través doutro tipo de axudas. Esta intervención suporía un investimento duns 150.000 euros.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button