OurenseÚltima hora

Visita do presidente do Parlamento de Galicia á exposición “Galicia, de Nos a nós”, en Ourense

Miguel Santalices destacou da Xeración Nós “a súa defensa dunha Galicia autonomista e duns postulados cosmopolitas, europeístas, integradores e cun claro apoio á nosa lingua”

 

Na xornada deste xoves 8 de abril, o presidente do Parlamento de Galicia Miguel Santalices visitaba, acompañado polo presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar, a exposición Galicia, de Nós a nós, a mostra sobre o movemento cultural, político e social máis importante da historia de Galicia, que alumeou o pensamento político galeguista. A exposición, da que son comisarios Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín, pode contemplarse ata o vindeiro 18 de abril no centro cultural Marcos Valcárcel e na sala de exposicións de Afundación, na praza Maior de Ourense.

Manuel Baltar, nas súas palabras de benvida ao presidente do Parlamento, destacou a importancia que supón “que nos visite o máximo representante da cámara galega, para percorrer e gozar desta singular mostra que organizamos conxuntamente a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, e ademais, faino na semana na que conmemoramos o 40º aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia, norma básica con que soñaron os integrantes da Xeración Nós, que posibilitaron ese berce de galeguismo no que se converteu Ourense”. Baltar salientou que tamén esta semana o Parlamento outorgoulles “con absoluta xustiza” as medallas ás catro fundacións que seguen reivindicando a figura, a traxectoria e o pensamento e o obra de Castelao, Losada Diéguez, Risco e Otero Pedrayo, fundacións que tamén recibiron o Premio “Otero Pedrayo” que a instancias desta deputación, e conxuntamente coa Xunta de Galicia e as demais deputacións galegas, lles outorgamos en 2020”.

Pola súa banda, Miguel Santalices expresou a súa satisfacción por ter a oportunidade de visitar a exposición na súa terra, unha mostra sobre a Xeración Nós, dixo, “que xa falaba dunha Galicia autonomista e os seus membros defendían postulados cosmopolitas, europeístas, integradores e cun claro apoio á nosa lingua”. Todo elo reflectido na revista Nós “que con poucos exemplares editados logrou introducir unha cultura galeguista que foi o xerme do Estatuto de Autonomía para Galicia, que á súa vez permitiu a evolución da nosa comunidade autónoma sendo quen de asumir determinadas transferencias”, poñendo como exemplo a transformación experimentada pola sanidade nestes corenta anos de vixencia do estatuto.

A exposición consta de máis de 300 pezas cedidas por máis de 60 institucións e particulares, onde se amosa a traxectoria deste movemento, xunto con obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores. En Ourense, a exposición inclúe algunhas novidades con respecto á mostra que estivo na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, destacando as portadas das revistas editadas por Nós e un apartado que fala da especial relación que os membros deste movemento tiveron con Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button