
Esta mañá o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitaba unha explotación gandeira de Castro Caldelas e reuníase con alcaldesta desta comarca para abordar os efectos que a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) está ocasionando ás explotacións gandeiras da zona, logo de que Medio Rural informase esta semana de que aumentaban a 27 as comarcas veterinarias galegas (14 ourensás) afectadas por este praga.
Para coñecer a situación Eladio Santos visitou unha explotación na parroquia de Pola (Castro Caldelas), acompañado polos rexedores de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; Montederramo, Óscar Diéguez, e Parada de Sil, Aquilino Domínguez. Durante a visita, o subdelegado dicía que “son as comunidades autónomas, no caso de Galicia a través da Consellería de Medio Rural, as competentes en materia de gandería e, polo tanto, é a Xunta, en primeira instancia, a responsable de establecer axudas ao sector, como así publicou esta en xaneiro de 2024, pero estas axudas aplícanse só no caso de morte do animal e cun baremo de indemnización moi baixo, fronte ao establecido por outras comunidades”.
Así mesmo indicaba que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación está a actuar como axente de enlace e coordinación entre as comunidades e, cumprindo co compromiso manifestado o pasado mes de maio durante o Foro de Gandería Extensiva, celebrado en Toledo, o Goberno de España ultima un Real Decreto para complementar as axudas aos gandeiros, compatibles coas achegadas pola administración rexional, europeo e local. As mesmas terán carácter retroactivo e inclúense nunha partida de 15 millóns de euros destinada a paliar os efectos económicos que a EHE está a causar no sector gandeiro.

O subdelegado aseguraba tamén que “a Consellería non debe agardar polas medidas do Ministerio, senón activar as súas propias e estar ao carón dos gandeiros, con axudas directas para resolverlles os problemas que todas estas perdas están causando nas explotacións”.
Ademais, explicou que a evolución da enfermidade desde 2022, data do seu inicio en España, está a ser a previsible, polo que as autonomías poden tomar as medidas que consideran oportunas en materia de prevención ou axudas financeiras para medicamentos ou tratamentos.
Ademais engadía que o MAPA está valorando a restrición de circulación de gando entre comunidades e incluír a EHE dentro das coberturas dos seguros agrarios ENESA. Por último, o subdelegado incidía que o gandeiro é “un sector estratéxico, non só económico, senón para reflexar o noso apoio ao mundo rural e á gandaría sostible e de calidade, que é polo que debemos apostar en Galicia”.