CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

Visita escolar ás sondaxes no Castelo Grande de Santigoso, na Mezquita

Os cativos do CEIP Augusto Assia da Mezquita achegábanse ata o castro na mañá deste 3 de xuño

 

Nesta primeira semana do mes de xuño estanse levando a cabo unha serie de sondaxes arqueolóxicas no Castelo Grande de Santigoso, un asentamento no Concello da Mezquita que na mañá deste xoves 3 de xuño recibía unha visita moi especial.

Os alumnos do CEIP Augusto Assía da Mezquita accedían xa de boa mañá ata o castro para mergullarse de cheo na excavación. Aí puderon comprobar como se traballa, os útiles que se utilizan e como, e tamén os restos que polo de agora foron atopando os arqueológos.

 

 

Para iso, os cativos foron distribuídos en dous grupos para pasar polas tres zonas que están sendo estudadas por parte do equipo de arqueólogos dirixido Israel Picón, que se encargaron de explicar aos cativos e ás profesoras que os acompañaron, as características do castro e dos restos atopados en cada unha das sondaxes.

Na primeira delas, na que tamén había un petróglifo, apareceron sobre todo restos de cerámica medieval que os nenos puderon ver e mesmo tocar. Na segunda, tamén restos cerámicos que poderían corresponderse coa Idade de Ferro aínda que este é un dato que teñen que confirmar. E xa na terceira sondaxe atoparon outro tipo de restos como unha pesa dun tear.

A intervención arqueolóxica no Castelo Grande de Santigoso está promovida polo Concello da Mezquita e o propio alcalde, Rafael Pérez, asistía á visita xunto aos escolares, que a través desta iniciativa se achegaban ao patrominio arqueolóxico do seu municipio e aprendían o seu valor así como a importancia de coidalo e protexelo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button